A Deputación sumará os seus esforzos aos da Associaçao impulsora da Casa da Lusofonía, ofrecendo tamén a súa disposición para que esta entidade teña a súa sede en Ourense. En xuntanza telemática co presidente, Daniel Lago, e secretario xeral, Xosé Carlos Morell, da Associacao impulsora da Casa da Lusofonía, Manuel Baltar plantexou a sinatura dun convenio entre ámbalas dúas entidades para conseguir un obxectivo “que entra de cheo coa Galicia que defendemos dedde a Deputación e cos evidentes vencellos coa lingua portuguesa”, dixo Baltar, engadido que Ourense “foi parte importante da Gallaecia, as nosas relacións con Portugal son innegables e seguimos dando pasos importantes como a entrada no Eixo Atlántico”. Na videoconferencia participou tamén o consultor Juan Carlos Piñeiro.
A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid -1992-, a Casa Asia en Barcelona -2001-, a Casa África en As Palmas -2006- ou a Casa Árabe en Córdoba -2006-. Manuel Baltar recoñece o traballo feito pola Associaçao e quere que a Deputación de Ourense fortaleza esta iniciativa, que deberá contar con adhesións e procedementos tanto nacionais como internacionais para a súa materialización.
Segundo Manuel Baltar “trátase de poñer en valor a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”. Na súa exposición de motivos déixase claro que “o portugués, nado na antiga Gallaecia, é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, en China. Entre eles figuran potencias económicas como Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do hemisferio sur.”
A proposta de creación da Casa da Lusofonía fala de cooperación, de identidade e de estratexia xeopolítica, un escenario onde cobra especial relevancia a CPLP (Comunidade dos Países de Língua Portuguesa), creada en 1996. A Deputación de Ourense súmase a este movemento e o fai asumindo o compromiso de acoller a sede da Casa da Lusofonía, “poñéndose a disposición da Associaçao e daqueles que se acheguen a esta reivindicación para que naza coa forza que merece”, afirma o presidente Baltar.