Ourense Provincia

A Deputación impulsa o Plan Provincial de Vivenda para alugueiro residencial

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da 45ª edición do Premio Blanco Amor 2026, dotado con 15.000 euros.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación impulsa o Plan Provincial de Vivenda para alugueiro residencial
A Deputación impulsa o Plan Provincial de Vivenda para alugueiro residencial | Deputacin de ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou un conxunto de 21 acordos, que mobilizan un total de 946,265,36 euros nos que destacan as axudas a concellos, o impulso ao Plan Provincial de Vivenda e a convocatoria da XLV edición do Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor. A sesión, a xuízo do presidente provincial, Luis Menor, “reflicte as prioridades da Deputación de Ourense centradas na cooperación municipal, o acceso á vivenda, o impulso cultural e o equilibrio territorial”.

Así, a Deputación aprobou axudas directas a 11 concellos da provincia por un importe total de 431.265,36 euros, destinadas a actuacións prioritarias en infraestruturas e servizos municipais.

Entre as actuacións máis destacadas figuran: Carballeda de Valdeorras, con 79.999,97 euros, para a reparación e recuperación de beirarrúas e espazo urbano en Sobradelo; A Rúa, con 70.000 euros, para a urbanización da prolongación da rúa Mazaira (fase III); Vilamartín de Valdeorras, con 50.820 euros, para melloras na planta potabilizadora; Maceda, con dúas actuacións que suman 74.999,98 euros para arranxo de estradas e bacheos; Melón, con 45.000 euros para mellora de camiños; Amoeiro, con 40.000 euros para pavimentación; e Viana do Bolo, con 36.300 euros para adquisición de maquinaria. Completan estas axudas os concellos de Baltar e Castrelo de Miño, con diferentes actuacións destinadas á mellora de servizos municipais.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas achegas “responden á aposta clara pola cooperación cos concellos, que é a razón de ser desta institución e unha ferramenta fundamental para garantir servizos de calidade no conxunto do territorio”.

O Plan Provincial de Vivenda

A Xunta de Goberno aprobou tamén a resolución da convocatoria do Plan Provincial de Vivenda, que permitirá conceder 500.000 euros en axudas a 14 concellos para adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial.

Esta iniciativa foi activada polo Goberno provincial no ano 2025, tras un acordo plenario aprobado por unanimidade, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda e contribuír á fixación de poboación no rural.

Os concellos beneficiarios desta convocatoria son: Larouco (40.000 €), Parada de Sil (40.000 €), Calvos de Randín (40.000 €), Xunqueira de Espadanedo (40.000 €), Vilar de Santos (40.000 €), Porqueira (19.600 €), A Veiga (40.000 €), Verea (28.103,47 €), Cortegada (40.000 €), Entrimo (29.440,80 €), A Bola (40.000 €), Carballeda de Avia (40.000 €), Muíños (40.000 €) e Bande (22.855,73 €).

Estas actuacións permitirán incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e facilitar o acceso á vivenda no rural, contribuíndo á fixación de poboación e á dinamización demográfica da provincia. Ademais, o presidente lembrou que no último pleno da Deputación aprobouse unha modificación de crédito por importe de 1,2 millóns de euros, máis do dobre que o pasado ano, para dar continuidade a esta liña estratéxica.

Luis Menor subliñou que “o Plan Provincial de Vivenda está a consolidarse como unha ferramenta clave para afrontar o reto demográfico e dar oportunidades reais aos concellos do rural”.

Premio Blanco-Amor 2026

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da XLV edición do Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, dotado con 15.000 euros.O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, e leva implícita a publicación da obra gañadora por unha editorial escollida polo propio autor ou autora. Os orixinais poderán presentarse ata o 14 de setembro de 2026, e o fallo do xurado darase a coñecer na penúltima semana de novembro, coa entrega prevista para o 5 de decembro de 2026.