Cooperación

A Deputación comprométese a cofinanciar o “Futuro Verde do Alto Támega”

O presidente provincial cualificou a xuntanza de “moi satisfactoria” e puxo en valor o traballo conxunto realizado polos concellos para impulsar un Plan de Actuación Integrado liderado polo Concello de Verín.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación comprométese a cofinanciar o “Futuro Verde do Alto Támega”
A Deputación comprométese a cofinanciar o “Futuro Verde do Alto Támega” | Onda Cero

Luis Menor comprometeu a colaboración da Deputación na cofinanciación do plan, co obxectivo de reducir ao máximo a carga económica que terán que asumir os concellos. “A Deputación non só cofinancia, senón que anima a seguir captando máis recursos doutras administracións para garantir a execución total dos proxectos”, sinalou, destacando que se trata dun plan estratéxico que permite atraer fondos do Estado, da Xunta de Galicia e da propia institución provincial.

O presidente subliñou que este proxecto supón unha inversión xa garantida de máis de sete millóns de euros, coa aspiración de acadar os dez millóns, e incidiu en que esta liña de traballo responde ao modelo que defende a Deputación: “sumar recursos propios cos doutras administracións e cos fondos estatais e europeos para impulsar o desenvolvemento da provincia e mellorar os servizos á cidadanía”.

En representación dos alcaldes, o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, agradeceu o apoio constante da Deputación e puxo de manifesto as dificultades que teñen os pequenos concellos para acceder a este tipo de convocatorias. “Estes proxectos europeos son moi complexos para municipios como os nosos, e sen a colaboración da Deputación, tanto técnica como orzamentaria, sería imposible levalos a cabo”, afirmou, destacando tamén o traballo conxunto de todos os concellos da comarca.