Ourense Provincia

A Deputación capta financiamento europeo para un proxecto de conservación da natureza

Este novo financiamento permitirá desenvolver accións formativas e impulsar a economía circular entre os produtores a través do Rural Lab no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro creado no marco doutro proxecto europeo.

Óscar Gómez

Ourense | 11.10.2023 08:07

A Deputación capta financiamento europeo para un proxecto para a conservación da natureza
A Deputación capta financiamento europeo para un proxecto para a conservación da natureza | onda cero

O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, vén de acordar a concesión dunha axuda FEDER de 875.735 euros ao proxecto “Circular Ecosystems”, do cal é un dos beneficiarios principais a Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico O obxectivo deste proxecto transfronteirizo é incrementar a protección e a conservación da natureza, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, tamén nas zonas urbanas, así como reducir toda forma de contaminación.

O custe total ao que ascende o “Circular Ecosystems” é de 1.167.647 euros, dos cales o 75% son financiados polo FEDER. Este novo financiamento permitirá desenvolver accións formativas e impulsar a economía circular entre os produtores a través do Rural Lab no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro creado no marco doutro proxecto europeo. Os socios da Deputación neste proxecto son a Xunta de Castela e León, o Concello de Valladolid, a Deputación de Ávila e os municipios portugueses de Guimarães e Matosinhos.

No marco do “Circular Ecosystems” elaboraranse estratexias e plans de acción de economía circular para consolidar ecosistemas territoriais que teñan capacidade para desenvolver solucións que contribúan a minimizar o uso dos recursos para acelerar a transición cara o residuo cero, eliminando problemas de contaminación orixinados polos residuos. Esas solucións deberán ter un enfoque transversal que implique ao maior número de axentes posibles dentro do territorio para lograr unha mellora da xestión de ditos recursos dentro da cadea de valor.