Vitivinicula

O C.R.D.O. Ribeiro trasládase á súa nova sede institucional

A partir do día 9 de novembro atenderanse nas novas instalacións os trámites para as declaracións de colleita correspondentes ao ano 2020

Óscar Gómez

Ourense | 06.11.2020 08:49

O C.R.D.O. Ribeiro trasládase á súa nova sede institucional
O C.R.D.O. Ribeiro trasládase á súa nova sede institucional | onda cero

O conxunto representa unhas instalacións máis adecuadas ás necesidades do día a día das adegas, colleiteiros e viticultores, para poder levar a cabo actividades, tanto de promoción coma de control.O espazo para a nova sede do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, situada no número 3 da rúa Redondela, nos pisos superiores á Oficina Agraria Comarcal, Correos e a Policía Local de Ribadavia, foi cedido pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para un mínimo de 32 anos. As obras de reforma, que comezaron hai uns meses, e que consistiron na remodelación dos 616 metros cadrados construídos, foron financiadas integramente con fondos propios do Consello Regulador.

Malia que a mudanza non estará rematada antes do metade do mes de novembro, a partir do día 9 traballadores do organismo atenderán alí os trámites de declaración de colleita correspondentes ao exercicio de 2020.Juan Casares comentou que “estrear nova sede do Consello Regulador fai que cumpra outro dos compromisos adquiridos no inicio desta andadura como presidente e con ela contaremos cunhas instalacións máis adecuadas ás necesidades dos viticultores, colleiteiros e adegas. Son unhas instalacións á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.”