Ourense Cidade

O Concello realizará controis con radar polo Nadal

Telmo Ucha anuncia que os radares poderán estar anunciados ou en vehículos sen rotular, esta medida complementará á instalación das cámaras de vídeo vixilancia nas rúas de acceso restrinxido.

Óscar Gómez

Ourense | 16.12.2022 12:32

O Concello realizará controis con radar polo Nadal
O Concello realizará controis con radar polo Nadal | onda cero

A Policía Local de Ourense vixiará a velocidade nas principais vías da cidade este Nadal, logo de que se detectase un aumento das violacións dos límites establecidos nos últimos controis. “Nunha soa hora de control na avenida de Otero Pedrayo detectáronse case 50 excesos de velocidade e impuxéronse 29 sancións”, afirma Telmo Ucha, concelleiro de Seguridade cidadá, “mesmo cando se fixo con vehículos rotulados e a plena luz do día”.

É por iso que a Policía Local realizará unha campaña de control especial durante estas datas, tanto en coches perfectamente identificables coma noutros sen rotular, para concienciar as persoas usuarias da vía sobre os perigos de exceder os límites, tanto para a súa seguridade como para a dos peóns, xa que desde a Xefatura da Policía Local estase a detectar un aumento na velocidade media dentro da cidade. Estes controis realizaranse en horario diúrno e nocturno, polo que o concelleiro recomenda reducir a velocidade dentro do centro urbano e aplicar sentido común ao volante este Nadal.

A proliferación dos controis de velocidade acompañará a próxima instalación de cámaras de vídeo vixilancia en rúas de acceso restrinxido, así como en puntos conflitivos, caso da contorna da zona termal e no polígono das Coiñás, no barrio do Vinteún. Estas últimas estarán instaladas antes de fin de ano, xunto coas da Xefatura, “que conta cun sistema de circuíto pechado obsoleto”, asegura Ucha, e que farán deste edificio “un lugar moito máis seguro”.

Pantallas de control de tráfico. Ucha Álvarez aproveita para “desmentir rotundamente” que a Policía Local estea sen sistema de control de tráfico”, como se denunciou nas últimas datas. “É certo que un dos 13 monitores sufriu unha sobrecarga por unha suba da tensión, pero o sistema nunca deixou de funcionar ao 100%”, afirma.