Concello de ourense

O Concello iniciará no Vinteún un plan de humanización de rúas nos barrios da cidade

A rúa Alejandro Pedrosa será a primeira intervención, que o Concello licitará en setembro cun investimento de case 2 millóns de euros

Óscar Gómez

Ourense | 16.05.2022 08:17

O Concello iniciará no Vinteún un plan de humanización de rúas nos barrios da cidade
O Concello iniciará no Vinteún un plan de humanización de rúas nos barrios da cidade | onda cero

O Concello de Ourense iniciará na rúa de Alejandro Pedrosa, no barrio do Vinteún, un plan de humanización de rúas nos diferentes barrios da cidade. A Concellería de Infraestruturas ultima o proxecto desta intervención, á que se destinará un investimento de case 2 millóns de euros, que prevé unha completa transformación deste vial, antiga estrada de titulariedade da Deputación Provincial de Ourense, da que o Concello obtivo recentemente a titulariedade.

O vial experimentará unha actuación de humanización e posta en valor que resulta necesaria para mellorar as condicións de uso por parte da veciñanza, fomentando o seu uso peonil, con actuacións de ensanchamento de beirarrúas, acondicionamento de zonas vexetais, novo pavimento en pedra de zonas peonís e instalación de novas unidades de mobiliario urbano, que se virán tamén acompañados da mellora da iluminación.

O Concello de Ourense prevé licitar a execución destas obras no mes de setembro. Explica o alcalde que Alejandro Pedrosa “será a primeira de moitas actuacións de humanización que queremos executar nos diferentes barrios da cidade”, xa que o plan de humanización estenderase tamén a rúas como Bonhome ou Ánxel Barxa, entre outras.