Ourense cidade

O Concello destina 600.000 euros a un convenio coa protectora de animais Progape

O convenio servirá para a xestión do refuxio de animais abandonados, a recollida e o traslado ás instalacións

Óscar Gómez

Ourense | 29.10.2020 11:22

canceira concello de ourense
canceira concello de ourense | La voz de galicia

A xunta de goberno local aprobou, na sesión celebrada esta mañá, un convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a asociación protectora de animais de Ourense, Progape, para a xestión do refuxio de animais abandonados, a recollida de animais abandonados ou errantes e o seu traslado ás instalacións do refuxio. O convenio terá un importe de 600.000 euros para os vindeiros 4 anos, a razón de 150.000 euros anuais.

Ademais deste, en materia sanitaria, a xunta de goberno facilitou a concesión de subvencións a outras entidades do ámbito cultural, veciñal e socio sanitario. En total, foron 32 os asuntos aprobados polo órgano executivo municipal.

Política Social (3). Apróbanse o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias (AFAOR) para o ano 2020 por valor de 25.000 euros. Ademais, apróbanse as contas xustificativas das subvencións do exercicio 2019 para AFAOR -25.000 euros- e Cáritas Diocesana -125.000 euros-.

Participación Cidadá (2). Apróbanse a concesión de senllas subvencións nominativas para a Agrupación Miño de AAVV do rural e periferia, por valor de 15.200 euros, e para a Federación Provincial de AAVV Limiar, polo mesmo importe.

Cultura (1). Apróbase a concesión dunha subvención nominativa á Asociación El Liceo de Ourense para gastos de funcionamento e realización de actividades xerais en 2020 por importe de 6.000 euros

Avogacía Consistorial (13). Cinco sentenzas, un auto e sete comparecencias.

Sentenzas. Catro delas están relacionadas con litixios entre o Concello de Ourense e diferentes propietarios por mor das filtracións de auga: o xulgado desestima o procedemento interposto por unha mercantil que reclamaba 24.135,81 euros en concepto de responsabilidade patrimonial, xa que considera que se trata dun asunto privado do propio edificio; tamén desestima o recurso presentado polas comunidades de propietarios de dous edificios -Xesús Pousa 11 e Victoria Kent 2- en concepto de responsabilidade patrimonial polas filtracións de auga -reclamaban 5.982,85 euros-; mesmo resultado para o procedemento interposto pola comunidade dun edificio da Avenida de Bos Aires, que reclamaba 19.354,87 euros; porén, o xulgado estima unha petición de 363 euros solicitada por unha comunidade de propietarios dun edificio na Avenida de Portugal, obrigando ademais o Concello a realizar obras para evitar as filtracións.

A última das sentenzas é do Contencioso administrativo 2 de Ourense, e estima a reclamación dunha particular na expropiación do edificio que fai esquina entre as rúas Basilio Álvarez e Avenida das Caldas. A sentenza obriga o Concello a obter o inmoble partindo da súa consideración como solo urbano consolidado.

Auto. Un auto do contencioso administrativo 1 de Ourense establece que unha entidade deberá aboar os 14.446,24 euros dos danos causados nun dos peches do Xardín do Posío, desoíndo así o seu recurso contra unha resolución de xunta de goberno local.

Comparecencias. O Concello deberá presentarse en sete procedementos xudiciais: no procedemento pola desestimación dunha solicitude de reclamación patrimonial polos danos sufridos por mor dunha caida na rúa Xoán de Novoa polo mal estado da beirarrúa -reclámanse 11.533,72 euros-; nas dilixencias previas pola comisión de dous delitos contra a seguridade do tráfico e danos en bens de titularidade municipal, cometidos en xaneiro e en xuño deste mesmo ano; nas dilixencias previas pola comisión dun delito de desobediencia e resistencia grave á autoridade; e para achegar a valoración dos danos pola comisión dun delito de furto con violencia no punto limpo de Santa Mariña.

Ademais, deberá comparecer en dous procedementos máis: en calidade de demandado nun litixio interposto polo sindicato CSIF contra a creación da área de Alcaldía e do órgano directivo de coordinador xeral da administración municipal, e noutro interposto por un particular contra a declaración de ruína de dous edificios da súa propiedade -rúa Anaigo de Abaixo, 9 e 23-.

Licenzas (6). Concédense licenzas para adaptar o uso de dúas oficinas a uso de vivendas, para a instalación de ascensores en dous edificios da cidade, e para a construción de dúas vivendas unifamiliares.

Aperturas (2). Concédense licenzas de apertura para un supermercado e para a adaptación dun local a oficinas.

Disciplina (2). Por unha banda, impónselle unha multa coercitiva de 1.000 euros a un particular por incumprir o prazo dun mes para a demolición dun galiñeiro -requíreselle novamente a que o faga no prazo dun mes, baixo pena de novas multas coercitivas a razón de 1.000 euros por mes-. Pola outra, incóaselle expediente sancionador a unha sociedade mercantil pola presunta infracción urbanística leve ao realizar obras -retirada dunha marquesiña- sen licenza.

Contratación (2). Apróbase a contratación dun vehículo forestal autobomba para o servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do concello de Ourense -323.999,99 euros-, e a contratación do servizo de mantemento da caseta de calidade de aire municipal, na Alameda, por un importe de 23.353,54 euros para os dous vindeiros anos.