O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras acaba de presentar este venres, 13 de maio, a denuncia penal contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pola agresión que perpetrou o pasado día 3 contra unha compañeira deste sindicato. O día de autos comezaba a folga do transporte urbano da cidade e tiña lugar unha concentración diante do Concello. Nese momento, Jácome sae da casa consistorial e unha sindicalista achégalle o megáfono por se quere dirixir unhas palabras ás persoas concentradas, tal como fixera con motivo doutros conflitos. Nesta ocasión, porén, acabou empurrando a compañeira de CCOO e guindándolle o megáfono en dirección ao rostro.
A demanda, asinada pola secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, realiza unha precisa descrición destes feitos, corroborados polos audios e imaxes captadas polos medios de comunicación alí presentes. O texto tamén sinala que a agresión, ademais de representar un posible «maltrato de obra», constitúe unha vulneración dos dereitos sindicais da agredida, así como unha actuación contraria ao libre exercicio do dereito de folga.
Por este motivo, CCOO solicítalle ao Xulgado de Instrución de Ourense que teña por formalizada adenuncia e proceda á «averiguación e comprobación» dos feitos relatados.
Rueda «debe tomar unha decisión»
Como xa fixera a pasada semana, a secretaria xeral de CCOO reitera que Alfonso Rueda —que onte mesmo foi designado presidente polo Parlamento de Galicia— «debe tomar unha decisión» sobre o futuro político de Ourense. «Non chega coas condenas por parte dos grupos municipais: cómpre dar un paso e facer que algo cambie dunha vez», insiste Amelia Pérez.
«Nin unha persoa que actúa deste xeito pode seguir nun cargo público, nin Ourense merece saír nos medios de comunicación de todo o Estado por culpa de feitos tan lamentables», conclúe a secretaria xeral de CCOO.