Na orde do día destaca a resolución do concurso para a concesión de subvencións destinadas á realización de festivais, ciclos e mostras, achegas que, por un importe total de 60.000 euros, beneficiarán a 27 agrupacións, asociacións, concellos e entidades para organizar actividades musicais, de danza, teatro e mostras de produtos.
En cooperación con entidades, na sesión aprobouse unha subvención de máis de 18.000 euros a favor da Asociación Musical de Trasmiras para gastos de funcionamento; algo máis de 10.000 euros para a Diocese de Astorga con destino á instalación e colocación de vidrieiras na igrexa parroquial de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras; 25.000 euros para o Consello Regulador de Denominación de Orixe Monterrei para gastos de promoción; e case 39.000 euros para a produción Semente de nós do grupo de teatro Sarabela.
Polo que respecta a concellos, O Bolo recibirá 48.000 euros para a primeira fase de acondicionamento do centro de educación infantil e primaria; A Merca disporá de 30.000 euros para a reconstrución dun muro na igrexa de Olás; e Pereiro de Aguiar contará con case 60.000 euros para a adquisición dunha vivenda no marco do proxecto cultural Ben-Cho-Shey.
Ademais da expropiación de dúas parcelas, con máis de 6.000 metros cadrados de superficie, para a urbanización dos terreos onde se situará o futuro centro de saúde de Boborás, compre sinalar ademais a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do presente exercicio, relativa a tres obras nos concellos de Ramirás e Cualedro, así como tamén na entidade local menor de Berán.