A Sala Valente acolle a exposición “Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero”, organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Concellería de Artes e Festexos. O tenente de alcalde, Armando Ojea, asistiu á apertura da mostra, incluída no programa de actividades deseñado polo Concello para celebrar o 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Cartas de Amor é unha mostra de ilustracións relativas á violencia de xénero, con debuxos de artistas de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. A exposición quere sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, a eliminala. Con Cartas de Amor, preténdese establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, se detectan moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física. A exposiciónes unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade que ven percorrendo de forma itinerante diferentes localidades galegas.
Na Sala Valente poderase visitar até o 13 de xaneiro todos os días, agás luns e festivos, no seguinte horario: De martes a sábado: 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas; e os domingos, de 11.00 a 13.30 horas.