Deporte

Campionato Internacional de Hóckey en 2022 no novo campo de Ourense

Manuel Baltar anunciou este acordo tralo encontro que no Pazo Provincial mantivo cos máximos representantes nacionais e galegos desta disciplina.

Óscar Gómez

Ourense | 02.11.2021 09:16

Campionato Internacional de Hóckey en 2022 no novo campo de Ourense
Campionato Internacional de Hóckey en 2022 no novo campo de Ourense | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Federación Española de Hóckey, Santiago Deó, acordaron organizar en xaneiro de 2022 un torneo internacional no novo campo de Mariñamansa, “a cuxa reforma contribuíu a institución provincial para dotar á cidade e á provincia dunhas instalacións modélicas e únicas en Galicia”. Así o anunciou Manuel Baltar tralo encontro que no Pazo Provincial mantivo co presidente da federación, ao que acompañaban o director deportivo e o secretario nacional, Pablo Sánchez e José Antonio Gil; o presidente da xunta xestora da federación galega, Alberto Estévez; e os vogais Roberto Barata e Francisco Javier Masid.

As novas instalacións de Mariñamansa inclúen o Centro de Tecnificación de Hóckey de Galicia (CeTeGa), un compromiso que o propio Manuel Baltar asumiu cos directivos da federación galega para situar en Ourense o eixo da organización, coordinación técnica e xestión de competicións e licencias, a promoción e divulgación deste deporte e a mellora e cualificación de xogadores, técnicos, árbitros e xuíces.

O presidente provincial subliñou que durante estes días “Ourense foi a capital nacional do hóckey coa presenza de preto de trinta xogadores das seleccións españolas absoluta e sub-21, que escolleron estas novas instalacións para preparar os seus próximos compromisos e o equipo que servirá de base para os próximos xogos olímpicos”. Precisamente Manuel Baltar visitou o novo campo, onde tivo a oportunidade de conversar co adestrador da selección absoluta, Max Caldas, que se estrea no cargo logo da responsabilidade como técnico dos equipos nacionais masculinos e femininos de Países Baixos.

A alianza entre Ourense e o hóckey, “nunha disciplina que grazas á súa gran tradición sitúa á nosa cidade como a que máis practicantes ten do noroeste da península”, é unha aposta máis da Deputación, dixo Manuel Baltar, “por ese ecosistema de turismo deportivo que continúa incorporando novas disciplinas, agora co hóckey e antes co ciclismo, a BTT, o remo ou os deportes de aventura e natureza”.

A este obxectivo, engadiu, “contribuirá a chegada da alta velocidade, que fará do noso territorio un espazo perfecto para a competición, tanto nacional como internacional, ademais dun lugar para presumir e onde o deporte xa se escribe con maiúsculas”.