Santiago de Compostela, 3 de maio, 2021. A deputada do BNG, Noa Presas, trasladou ao Parlamento, a través dunha proposición non de lei, a urxencia du Plan de emerxencia para a cidade de Ourense no ámbito social e de servizos sociais.
O Partido popular votou en contra da proposta do BNG e amparou a xestión política do actual alcalde, a pesar da gravidade da situación que mesmo levou a numerosas organizacións do ámbito da atención social, da pobreza, da discapacidade, da educación e do traballo social a reclamar dos grupos con representación no Concello “unha solución urxente”.
Asociación como: Afaor, Amarante, APES, Discafis-Cogami, Down Ourense, Saúde mental FEAFES, Fundación Juan Soñador, Fundación Meniños, Provivienda Ourense, Renacer DCA Ourense, ValoresSC, Xarela asinaron un escrito común liderado pola Rede Galega contra a pobreza alertando de que a gravidade da situación de Ourense repercutía negativamente no traballo que desenvolven e sobre todo cara a “integración sociocomunitaria das persoas que atenden”, afirmou.
A deputada fixo fincapé nunha situación de gran fraxilidade económica anterior a pandemia que se agravou coa COVID19. A situación de “colapso político da cidade cun concello inoperativo e bloqueado polo populismo trumpismo de Jácome” e polos intereses políticos do Partido Popular engaden máis problemas aos xa existentes con catro anos de “parálise” do popular de Jesús Vázquez .
O caos do concello, dixo, trasladase ao “caos e precariedade no Servizo de Atención do Fogar” co o incumprimento do prego de condicións do contrato e do convenio respecto dos plus de domingos ou das horas mínimas de contratación, tendo persoas con menos de 25 h (17 horas). E ante esta situación, dixo, “o concello nin as recibe” a pesar de ser un servizo do que dependen 380 persoas.
“A Xunta non pode inhibirse”
Noa Presas insistiu na demora nas tramitacións dos expedientes, e Servizos sociais, ata 5 meses de agardas para ser atendidos, UNISS saturadas, falta de atención á veciñanza en exclusión social e falta de dialogo coas asociacións.“A Xunta non pode inhibirse”, recalcou a nacionalista, porque a Xunta é a máxima responsábel da política social no noso país e estamos falando de atención aos colectivos máis vulnerábeis e de dereitos humanos sobre todo nos colectivos de mulleres e mocidade, “os máis danados” pola anterior crise e pola pandemia.
Presas tamén aludiu ás familias monoparentais, persoas con discapacidade e atención aos maiores nunha provincia cun índice de avellentamento do 301% fronte ao 126% do Estado. Por outro lado, lembrou que as pensións galegas son as “segundas máis baixas do Estado”. Se a estatal media é de 1.032,3 e a galega de 878,9 , “a ourensá sitúase nos 761,91euros”.
A deputada lamentou o voto en contra do Partido popular para impulsar unha mesa de traballo interinstitucional co fin de abordar a situación social de Ourense e un Plan de emerxencia social urxente para a cidade.