A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o concello de Laza para comprobar os avances dos traballos de prevención realizados polo persoal do Distrito Forestal XIV Verín-Viana, que está a piques de rematar a creación de cortalumes nunha superficie de 13,70 km empregando maquinaria pesada.
Neste sentido, a conselleira explicou que estas infraestruturas preventivas contribúen de xeito moi positivo á prevención de incendios forestais, xa que crean descontinuidades de combustible no terreo para intentar frear o avance das lapas. Ao mesmo tempo, sinalou que os traballos de prevención que se están levando a cabo polo persoal do distrito son moi diversos e inclúen labores, algúns deles xa concluídos, de mellora e limpeza de depósitos de auga, así como queimas prescritas.
A conselleira lembrou que, aínda que a maior parte destas accións preventivas corresponden aos propietarios tanto das fincas como do monte, o Goberno galego fai todos os anos un importante esforzo nas actuacións propias como a que se está a desenvolver en Laza. Por iso, engadiu, noutros distritos forestais da provincia e no resto de Galicia, o persoal está a executar máis labores de prevención como son a limpeza de cunetas, as rozas mecanizadas ou a creación de máis cortalumes.
Incremento do orzamento en prevención
Gómez reafirmou que a prevención é unha prioridade para o Goberno galego e este ano incrementouse un 50 % o seu orzamento con respecto ao ano anterior, chegando aos 75,38 millóns de euros. Neste senso, detallou que está previsto actuar ao longo deste 2026 en preto de 34.000 hectáreas, entre as que se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas. A maiores, engadiu tamén os apoios ás comunidades de montes para tarefas preventivas e os convenios cos concellos para maquinaria, brigadas e motobombas.

