O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, propúxolles aos grupos municipais a expropiación do edificio María Goretti. Esta casa foi mercada, en parte, polo concello de Ourense na etapa do goberno presidido por Francisco Vázquez, en xaneiro de 2010, cando se negociou a compra do inmoble con parte dos herdeiros por 420.000 euros. Para o alcalde, Gonzalo Jácome, “este é un problema herdado, froito dunha inepcia do anterior goberno socialista, ao mercar unha casa a unha parte dos seus donos, e que seguimos arrastrando”.
Amais, denuncia o rexedor, o Concello leva gastado en preitos derivados desta compra máis de 200.000 euros, “é dicir, non só levamos gastado máis de 400.000 euros polo custo da casa, senón tamén o custo das costas xudiciais”.
A proposta de Pérez Jácome para pórlle fin a este problema pasa pola expropiación da parte deste edificio antes que “arriscarse a perder outros 100.000 euros en costas xudiciais, no suposto en que futuras resolucións xudiciais non lles sexan favorables ao Concello”. Tamén se estudou a posibilidade da venda da parte do inmoble que xa é propiedade do Concello, se ben o resto de grupos está máis de acordo na opción proposta da expropiación pois, a día de hoxe, sería “difícil recuperar o prezo pagado por ela máis os custos derivados desta compra errada”.
Outro asunto que se tratou na comisión de Urbanismo foi o posible cambio de localización do Museo Municipal, trasladándoo á Sala Valente, un emprazamento que “lle daría moito realce e tería moito máis éxito”, segundo afirma Gonzalo Jácome.