Deporte

300 ciclistas participarán na “Arnoia Termal Bike” este fin de semana

Unha proba que tamén mostrará “un dos nosos elementos máis diferenciadores, como é o termalismo”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar

Óscar Gómez

Ourense | 15.09.2021 08:43

300 ciclistas participarán na “Arnoia Termal Bike” este fin de semana
300 ciclistas participarán na “Arnoia Termal Bike” este fin de semana | onda cero

Preto de 300 ciclistas chegados de 18 provincias participarán o próximo domingo, día 19, na “Arnoia Termal Bike”, unha proba ciclista aberta a todos os públicos “que permitirá visibilizar a provincia como o territorio ideal para a práctica deportiva, nun espazo que ademais mostrará un dos nosos elementos máis diferenciadores, como é o termalismo”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante o acto de presentación desta proba celebrado hoxe no pantalán de Arnoia.

Nunha provincia “onde a roda de afiar é un elemento característico da nosa personalidade”, sinalou o presidente provincial en alusión á roda de afiar, “o ciclismo vainos axudar a conseguir un dos nosos maiores obxectivos, como é dar a coñecer un singular ecosistema de turismo deportivo polo que estamos apostando e onde é esencial a colaboración público-privada”. Lembrou Baltar que hai cinco anos, no mesmo escenario do pantalán de Arnoia, “presentabamos La Vuelta a España, nunha edición con catro etapas pola provincia que se denominou Ourense Termal-Madrid, e agora ofrecemos a deportistas de case vinte provincias a escusa perfecta para vivir unha experiencia diferente, como a pasada fin de semana na Ribeira Sacra Cycling Road e de seguro no 2022, onde o turismo deportivo terá un peso significativo, coincidindo co bicentenario da Deputación de Ourense. Unha aposta que tamén exemplificou coa entrega do Premio Ourensanía 2021, o próximo 11 de novembro, ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco.

Ao acto de presentación asistiron os alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; Cortegada, Avelino de Francisco; e Cartelle, Jaime Sousa; o vicepresidente da Deputación e deputado delegado para asuntos do Ribeiro, César Fernández; a xerente do Inorde, Emma González; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o conselleiro delegado do grupo Caldaria, Javier Soto; e o director técnico da proba, Serafín Martínez. Todos eles destacaron as vantaxes que supón xerar destinos especializados en actividades deportivas e o retorno inmediato que ten no ámbito turístico.

A “Arnoia Termal Bike, organizada polo Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, disputarase o 19 de setembro con saída e chegada en Arnoia percorrendo tamén os concellos de Cortegada e Cartelle. A proba conta con dous circuítos: un gran fondo de 70 quilómetros para disputar en parellas, no que están inscritos ao redor de 150 deportistas, e un medio fondo individual de 50 quilómetros coa participación de máis de 140 ciclistas, con clasificacións para ambas distancias e diferentes categorías. Aberta a todos os públicos, tanto federados como non federados, tamén inscribíronse afeccionados con bicicleta eléctrica, aínda que estes últimos non optarán a premios.