Ourense Cidade

La Molinera bate o récord de usuarios no 2018

Un total de 37.688 usuarios participaron o pasado ano nas propostas do Centro de Coñecemento e Innovación La Molinera. Trátase da cifra máis alta dende a súa posta en marcha polo Concello e supón un incremento do 15,9% respecto a cifra do ano 2017.

ondacero.es

Ourense | 21.02.2019 10:07

Memorial La Molinera
Memorial La Molinera | Concello de ourense

Un total de 37.688 usuarios participaron o pasado ano nas propostas do Centro de Coñecemento e Innovación La Molinera. Trátase da cifra máis alta dende a súa posta en marcha polo Concello e supón un incremento do 15,9% respecto a cifra do ano 2017, no que pasaron polo edificio 32.500 persoas. Así o confirman os datos do balance anual de La Molinera, que destacan tamén un importante aumento noutros apartados, como o número de actividades programadas e de horas de apertura.

“La Molinera, acadou o pasado ano cifras récord no seu número de usuarios, de actividades e na súa repercusión en redes sociais, froito do intenso traballo que estamos a facer para convertelo nun centro de referencia a nivel galego e nacional”, confirma o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Neste sentido, o rexedor salienta que a calidade das propostas formativas “están a converter a nosa cidade nun referente en materia de innovación social dixital, nova empregabilidade e desenvolvemento de tecnoloxías 4.0”.

“Os datos permítennos comprobar que imos polo bo camiño co proxecto de La Molinera e coas propostas que estamos a desenvolver neste espazo. Xa non só como un referente na nosa cidade e provincia, onde cada ano son máis as persoas que participan nas súas actividades para abrir xanelas ao seu futuro laboral. As súas propostas tamén son seguidas a través de Internet por persoas residentes noutras capitais galegas e cidades de España”, explica Jesús Vázquez.

Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, resaltou que “en tres anos, pasamos de ter un centro pechado ao público a ser un referente rexional e nacional do coñecemento e a innovación. Así o ratifican estas cifras anuais, pero tamén o recoñecemento internacional que supuxo a entrada de La Molinera nunha rede mundial de laboratorios dixitais, Fab Lab”.

Para o responsable de Promoción Económica “para Ourense é un luxo que nas instalacións de La Molinera poidamos ter actividades innovadoras que non poden ter outras grandes cidades”.

Dos 37.688 usuarios que se achegaron a La Molinera, a metade foron usuarios das actividades, e o resto dos servizos habituais que se ofrecen nas súas instalacións (espazos, ferramentas, tecnoloxías…).

Programación

O pasado ano tamén acadouse un récord no número de actividades programadas. Así, realizáronse un total de 212 propostas diferentes fronte as 150 realizadas no ano 2017 (un 41% máis). Desde a posta en marcha de La Molinera, no ano 2016, o número de actividades incrementouse nun 59,3%.

Tamén aumentaron os días que as instalacións están abertas: 235 xornadas, fronte as 228 do ano 2017. A media diaria de visitantes (con independencia dos asistentes ás actividades) foi de 75 persoas diarias nos meses de menor afluencia (xaneiro, xullo e agosto), e situouse entorno a 100 no resto.

Os meses de maio, xuño e outubro foron os que contabilizaron maior número de usuarios, con máis de 4.000; seguidos de febreiro, marzo, abril, e novembro, con máis de 3.000 usuarios por mes.

Respecto ao número de actividades, a media diaria foi de 3,08, fronte a 2,5 do pasado ano. O pico máis alto tivo lugar nos meses de maio, con 6,8 citas diarias; e xuño, con máis de 6. Este dato supón un incremento dun 24,77% no mes de máis actividade, con respecto ao ano 2017.

En redes sociais

Pero ademais da súa repercusión directa, La Molinera está sendo un referente nas redes sociais. O pasado ano recibiu un total de 93.748 visitas, a cargo de 16.595 persoas, que navegaron unha media de 2,42 minutos pola súa web .

O maior número de visitantes procederon de Ourense. Foron 6.525 usuarios, que visitaron unha media de 3,54 páxinas por sesión, cunha duración media superior aos tres minutos.

En segundo lugar situouse Madrid, con 2.764 usuarios que visitaron unha media de 2,83 páxinas por sesión, cunha duración de 2:18 minutos.

A continuación están as capitais galegas, Coruña (1.204 usuarios), Vigo (872) e Santiago (698), cidades próximas a Ourense cuxos usuarios consultan as actividades de La Molinera, con períodos medios de conexión superiores aos tres minutos.

Pero a páxina web de La Molinera tamén recibiu visitas dende París (255 usuarios), Oregón (171), Buenos Aires (138), Quebec (106) ou Seúl (50).

O perfil dos usuarios da páxina web, segundo a memoria realizada por La Molinera, é o dun home de entre 35 e 44 anos. Por sexos, o 38,6% son mulleres e un 61,4% son homes.