Salud

Futuros médicos formaranse no balneario de Arnoia

A balneoterapia axuda a diminuír a dor e mellora a calidade de vida dos pacientes con doenzas reumáticas crónicas

Óscar Gómez

Ourense | 03.03.2020 11:48 (Publicado 03.03.2020 11:47)

Balneario de Arnoia
Balneario de Arnoia | Universidad de Santiago

O tratamento da patoloxía reumática crónica a través da balneoterapia. Este é o tema que vai centrar unhas xornadas que se celebran esta fin de semana no balneario ourensán de Arnoia, no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Un grupo de estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán as indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais á hora de abordar a estes pacientes.

A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios. Salienta que “a dor ligada ás doenzas de tipo reumático como a artrite, a artrose ou a osteoporose afecta gravemente ao benestar das persoas que as padecen”. Nesta liña, “as diversas técnicas balneoterapéuticas que se aplican na actualidade axudan a diminuír a dor mecánica e permiten, nos meses posteriores á cura termal, que os enfermos realicen as súas tarefas cotiás con mellor calidade de vida física, ao tempo que se reduce o estrés ou a ansiedade derivados de tales síntomas” -manifesta a doutora-. Afirma que “a cura termal non é resolutiva en si mesma, pero contribúe en boa medida á melloría dos pacientes”.

A doutora destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”.

Nestas xornadas participarán, ademais da doutora Fernández Marcos, a doutora do balneario de Arnoia, Ada Sevares, o doutor Tomás Marchena e a fisioterapeuta do centro, María Agras. Comezan o venres ás 16:30 horas, cunha sesión teórica que versará sobre os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen e as súas indicacións para abordar as patoloxías reumáticas. Logo realizarase un percorrido polo balneario, rematando a xornada con prácticas nas instalacións termais.

O sábado pola mañá os futuros médicos coñecerán os protocolos balneoterápicos que se levan a cabo para tratar doenzas de tipo reumático como a artrose de xeonllos, a artrose lumbar ou a artrose cervical. E achegaranse a unha serie de terapias que se poden desenvolver nas piscinas termais con estes pacientes. Pola tarde a xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario, centrada na aplicación local de parafangos.