Ourense Cidade

O Concello completa as obras de reposición e mantemento do pavimento na contorna da zona histórica

As actuacións da Concellería de Infraestruturas e a colaboración coa Deputación de Ourense supuxo reformas e melloras nunha trintena de rúas

Óscar Gómez

Ourense |

Calle historica Ourense | Rutea

O Concello de Ourense incrementou en 2019 os traballos de reposición, reparación e mantemento de lousas e do solo nas rúas da cidade, especialmente na contorna da zona histórica onde se producira un maior desgaste de pavimento pola entrada de vehículos pesados. Nestes últimos meses, a concellería de Infraestruturas realizou obras nunha decena de espazos públicos, ao tempo que se acometeron actuacións de mellora noutras 20 rúas, grazas á colaboración coa Deputación de Ourense.

“Con estas actuacións dámoslle resposta ás peticións da nosa cidadanía para mellorar as rúas e espazos públicos de Ourense”, explica o alcalde en funcións, Jesús Vázquez. Ademais, “estas intervencións garanten a seguridade dos nosos peóns, repoñendo o material defectuoso para evitar que se poidan producir caídas por parte das persoas que percorren estas rúas; e facilitan o tránsito a persoas con mobilidade reducida”, salienta o rexedor en funcións.

Nos últimos tres meses a Concellería de Infraestruturas acometeu obras por un importe de entorno aos 30.000 euros na zona vella. Nunha primeira fase repúxose o pavimento de pedra e de lousa na Alameda, na Avenida de Pontevedra, Lamas Carvajal e o Paseo. Os traballos consistiron na substitución do pavimento roto ou levantado por outro das mesmas características, para manter a unidade da contorna.

Nestas últimas dúas semanas os traballos trasladáronse as rúas San Francisco e Unión; a Praza do Correxidor e a Praza das Mercedes. O remate das obras nesta última contorna, previsto para este venres 14 de xullo, porá fin ao proxecto de recuperación das rúas da zona histórica da cidade. Desde o departamento de Infraestruturas tamén se realizaron actuacións para repoñer o pavimento noutros puntos da capital, como as rúas Ervedelo e Curros Enríquez, onde se constatou a necesidade de repoñer o solo polo mal estado das lousas.

Calle historica en Ourense | Rutea

Colaboración coa Deputación de Ourense

A estas actuacións súmase a colaboración solicitada polo Concello á Deputación de Ourense para realizar obras nunha vintena de puntos da nosa cidade. Actuacións como a reposición de lastras ou empedrado nas rúas río Mao, Escultor Faílde, Bedoya, tras a Alameda, en San Lázaro, Eulogio Gómez Franqueira, José Antonio Nieves, Paz Nóvoa, Celso Emilio Ferreiro, a Avenida da Habana, Doutor Fleming, a rúa Telleira ou Xoán de Novoa.

Pero ao abeiro desta colaboración tamén se acometeron reformas en bordos, como na esquina das rúas San Rosendo e Francisco Blanco; empedrado en río Mao; melloras de pavimento na rúa Bella Otero ou o arranxo da beirarrúa para facilitar o acceso a persoas de mobilidade reducida na contorna do Polideportivo de Oira.