O Concello de Ourense convoca o concurso para elixir o cartel anunciador das Festas do Entroido de Ourense 2019. O prazo de entrega de orixinais permanecerá aberto até o luns, 18 de febreiro, que este ano se celebrará na segunda semana de marzo -sendo o martes de Entroido o día 5-. A persoa autora do cartel elixido recibirá un premio de 800 euros.
Poderá concursar toda persoa física ou xurídica. Os traballos serán entregados a través do Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Entroido 2019” e debaixo un pseudónimo ou lema. Os carteis levarán o lema 'Ourense, capital do entroido', e deberán ser obras inéditas e orixinais. Neste sentido, e para evitar circunstancias ocorridas en anteriores convocatorias de concursos, as propostas irán acompañadas dunha declaración individual na que os aspirantes se responsabilizan totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como dunha renuncia aos dereitos de imaxe.
O cartel elixido será utilizado tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para promocionar o programa de actividades desta festa.
O xurado valorará o conxunto de creatividades tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. O fallo farase público por comunicado oficial aos medios de comunicación e nas páxinas web do Concello e da Concellería de Cultura.
As bases pódense consultar integramente na web do Concello de Ourense, www.ourense.gal, e da Concellería de Cultura, www.ourensecultura.com.