Cooperación

Baltar lembra que o Estatuto de Autonomía “consolidou o autogoberno"

No día de conmemoración do 39º aniversario do Estatuto Baltar “quere seguir lembrando ao noso Estatuto como ferramenta magnífica de progreso para a nosa nacionalidade histórica”

Óscar Gómez

Ourense |

Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo, no acto de entrega do VI Premio Estatuto de Autonomía | Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que o Estatuto de Autonomía para Galicia “consolidou o autogoberno e demostra ser un elemento eficaz na situación de emerxencia e de alarma que estamos a vivir coa pandemia do COVID-19”. Baltar destaca no día no que se conmemora o 39º do Estatuto que a Deputación de Ourense, que vén organizando desde fai anos un concurso escolar para conmemorar esta efeméride, “quere hoxe seguir lembrando ao noso Estatuto como ferramenta magnífica de progreso para a nosa comunidade autónoma”.

“Hoxe celebramos os 39 anos da Lei Orgánica 1/81, do 6 de abril, que valida o Estatuto de Autonomía para Galicia, o cal tamén, grazas ao autogoberno que consolidou, ten demostrado ser un elemento eficaz nunha situación de emerxencia e de alarma como a que estamos a vivir, porque as institucións de autogoberno de Galicia, nomeadamente a Xunta, está a responder de xeito eficaz e coordinado coa Deputación de Ourense no ámbito do noso territorio”, afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial considera que esa é “unha das vantaxes contar cun elemento de progreso e de benestar social e económico como o Estatuto de Autonomía, e desde Ourense renderemos homenaxe todos os 6 de abril a esta norma institucional básica da nosa comunidade autónoma”.