Onda Deportiva Ourense - Polideportivo

A xornada no deporte ourensán da fin de semana

En Onda Deportiva Ourense repasamos a fin de semana no máis destacado do deporte de Ourense

Onda Cero Ourense

Ourense | 20.12.2021 12:23

Onda Deportiva Ourense - Polideportivo

Baloncesto

Ponferrada 74-71 Club Ourense Baloncesto

Terceira derrota da tempada e terceira consecutiva dun Club Ourense Baloncesto que non levanta cabeza e que perde comba no alto da LEB Prata, cando parecía claro favorito ao ascenso. Desta vez derrota axustada en Ponferrada nun encontro que comezaron dominando os locais, pero no que os de Armando Gómez chegaron por diante ao descanso 34-38. Un mal terceiro cuarto volveu a colocar en cabeza a un Ponferrada que anotou 23 puntos, por 15 do COB. Os ourensáns non reaccionaron e acabaron cedendo unha nova derrota que xa xera moitas dúbidas no proxecto. Javi Marín con 17 puntos e Nogués con 15, o máis destacado do COB.

O COB xa é terceiro cun balance de 7-3, o mesmo que o segundo Cantabria, pero con Zamora, Ponferrada e Burgos a un triunfo.

O mércores no Paco Paz as 20:30 nova oportunidade ante o Marbella.

[[H4:Solgaleo Bosco 76 – 58 Unicaja Oviedo]]

Sexto triunfo da tempada do Solgaleo Bosco que superou con claridade e a un rival directo na loita pola permanencia, ao que con esta vitoria xa aventaxa en 4 triunfos. Os ourensáns foron superiores dende o comezo e levaron o primeiro cuarto con 3 puntos de vantaxe. Os asturianos igualarían a contenda antes do descanso, nun cuarto onde as defensas estiveron máis destacadas que os ataques. No terceiro cuarto o Solgaleo volvía aporse por diante e xa no último lograba a diferenza de 18 puntos final. Kouadio con 20 puntos e Sima con 14 foron dos xogadores máis destacados.

O Solgaleo Bosco Salesianos ocuña a décima posición na táboa.

A vindeira xornada (9 de xaneiro) en Ávila.

Alecar Skoda Atlética 34-76 Codigalco Carmelitas

Décimo triunfo da tempada dun Carmelitas que segue acumulando boas sensacións e que segue escalando posicións na táboa, situándose xa na terceira praza. Desta vez superaron con contundencia a un rival, o avilesino, que veuse superado polo poderío anotador das de Suso Garrido e por unha intensa defensa, especialmente no segundo cuarto e no último, onde so anotaron 8 e 3 puntos. Destacar o poderío anotador de Regina con 30 puntos e de Malena con 18.

A vindeira xornada para Codigalco Carmelitas será o 8 de xaneiro contra Universidade de Oviedo.

Fútbol Sala

Ourense Envialia 5-1 Majadanhonda

Vitoria incontestable do conxunto adestrado por Gonzalo Iglesias “Morenín”, que nesta ocasión impúxose con claridade a un Majadahonda que non foi rival para as ourensás. Un dobrete de Laura Uña abría o camiño para o Envialia, que ao descanso marchaba gañando 4-0 gracias aos tantos de Iria Saeta e da cancerbeira Vane Barbera. Na segunda metade Majadahonda fixo o tanto da honra e Judith anotaba o derradeiro do Ourense Envialia.

O equipo de Morenín ocupa a oitava posición con 18 puntos a 4 do playoff.

Na vindeira xornada (15 de xaneiro) xogará fronte o Penya Espluges.

Cidade das Burgas 6-0 A Fervenza

Novo triunfo do Cidade das Burgas que segue o seu, formando e dando oportunidades a xogadoras mozas e competindo para regresar a Primeira Feminina. Desta vez as ourensás impuxéronse con contundencia ao Fervenza nos Remedios, gracias aos tantos de Sol, Nespereira e Clara, que anotaron dous tantos cada unha.

O Cidade ocupa a segunda posto na táboa con 19 puntos.

Valdetires Ourense Envialia “B”

Aprazado polo mal estado do pavillón municipal de Esteiro.

Sala Ourense 2-3 A Estrada

Derrota dun Sala Ourense ao que non lle saen as cousas en Liga nos últimos encontros e que perdeu un punto no último segundo de encontro. Os de Óscar Vivián comezaron encaixando, pero dous tantos, un obra de Raúl Riveiro e outro de Allariz dábanlle a volta a contenda ao comezo da segunda metade. No minuto 30 igualaba A Estrada e xa no último suspiro unha falta directa transformada polos visitantes condenaba os ourensáns a derrota.

O Sala Ourense é sétimo con 17 puntos. A liga regresa en xaneiro.

Balonmán

Carnes do Ribeiro 26-25 Gáldar

Novo triunfo do Carnes do Ribeiro, desta vez na casa e nun encontro no que os de Feliz Mojón estiveron moi ben dende o comezo, onde nos 10 primeiros minutos aguantaron sen encaixar gol e anotando con facilidade. De feito ao descanso chegábase cun marcador de 15-8. Na segunda metade o Gáldar apretou e chegou a situarse a un tanto do conxunto de Ribadavia. Na última xogada os canarios disporían dunha boa ocasión para empatar, pero o balón non entrou e os 2 puntos quedaron no Consello.

Son décimos na táboa con 10 puntos. A vindeira xornada o 15 de xaneiro fóra da casa fronte o Carballal.

E tamén ... fútbol