Rural

ABANCA e o GDR Sil-Bibei-Navea renovan a súa colaboración

A entidade financeira e o grupo de desenvolvemento rural asinan un novo convenio para mellorar a competitividade e facilitar o emprendemento nesta comarca ourensana

Óscar Gómez

Ourense | 15.05.2019 09:38

Convenio con Abanca
Convenio con Abanca | onda cero

ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea (GDR 11) renovaron un ano máis a súa colaboración cun novo convenio financeiro que medra con novas opcións de crédito para atender as demandas dos empresarios e emprendedores da comarca ourensá.

O presidente do GDR, Francisco Magide Bizarro, e o director de zona de ABANCA en Ourense Este, Daniel Fernández Borrajo, rubricaron hoxe en Ourense un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia.

O novo documento pon o acento especialmente na reactivación económica por medio do crédito, unha peza básica para acadar a posta en marcha de novos proxectos e a mellora da competitividade dos actuais. Os beneficiarios de proxectos vinculados ao GDR accederán a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario ou avais.

Do mesmo xeito, o convenio inclúe unha oferta especifica para os proxectos agrogandeiros, con créditos e préstamos específicos para o sector, liñas de comercio exterior, desconto comercial, confirming, liñas de comercio exterior, etc.

Os membros vinculados ao GDR optarán igualmente ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. A entidade tamén porá a disposición de todos os interesados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica. Ademais, desde as oficinas de ABANCA, facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través dos convenios oficias que o banco ten subscritos con diversos organismos públicos.

O GDR Sil-Bibei-Navea constituíuse no ano 2008 e agrupa os intereses de diversos colectivos destas localidades do interior de Ourense, que exercen a súa actividade principalmente nos sectores de servizos e industriais, entre outros. Doutra banda, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha ampla oferta axeitada para autónomos e pemes.