Ourense cidade

O proxecto Ourense+ ofreceu formación a máis de cen persoas

Os participantes procederon de 10 nacionalidades diferentes, e a maioría dos que apostan por emprenden en verde son mulleres con titulación universitaria

ondacero.es

Ourense | 20.12.2018 07:58

Ourense +
Ourense + | onda cero

Máis de 100 persoas participaron no proxecto Ourense+, organizado polo Concello de Ourense a través da concellería de Promoción Económica, que lles permitiu recibir a formación precisa para desenvolver proxectos emprendedores que teñan como base a sustentabilidade. O Concello de Ourense foi a única administración que foi elixida para participar no programa emprega verde na liña de fomento do autoemprego no sector ambiental (Impulsa) no ano 2018.

“Este proxecto estableceu as bases para que os nosos futuros emprendedores valoren, non só o factor económico senón tamén o social e o ambiental Trátase de factores fundamentais para o desenvolvemento da nosa cidade e para a posta en valor dos nosos recursos naturais”, sinalou o concelleiro Jorge Pumar. Entre estes recursos destacou “o potencial enerxético ou o de produción de alimentos de calidade e de seguridade, así como a xeración de novos modelos de negocio que afronten novos retos ambientais e sociais”.

Perfil dos participantes

O perfil de participantes é moi variado, xa que participaron menores de 35 anos, pero tamén houbo alumnos que superaron os 50 anos de idade. Alumnos de 10 nacionalidades diferentes tiveron cabida neste proxecto.

No referente a súa formación, a maior parte dos asistentes que apostan por emprender contan con titulación universitaria. No caso de xénero, a maioría que aposta por emprender en verde son mulleres.

Ao longo do proxecto os participantes aprenderon a valorizar as súas ideas; a comprobar se estas son rendibles ou non; como se debe crear un plan de negocio e como se debe vender un produto. Tamén analizaron os servizos que se poden ofrecer nas redes sociais, o comercio electrónico e o mercado físico.

Ademais da formación teórica, os alumnos participaron en accións de capacitación en xestión empresarial que fixeron especial fincapé en temas fiscais e laborais.

Os participantes resaltaron a proximidade dos titores á hora de dar un apoio personalizado e profesional a cada un dos seus proxectos e ideas.

O Programa Empleaverde é un proxecto promovido desde o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Fundación Biodiversidade para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.