Ciclismo

A XXI Volta Ciclista a Galicia percorrerá as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra

Diego Calvo destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fóndo Ézaro ou O Gran Camiño.

Óscar Gómez

Ourense | 07.09.2023 09:35

A XXI Volta Ciclista a Galicia percorrerá as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra
A XXI Volta Ciclista a Galicia percorrerá as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra | onda cero

A Volta ciclista a Galicia consta de catro etapas nas que competirán 16 equipos, a metade deles galegos. Trátase de Vigo Rías Baixas, Aluminios Cortizo, Supermercados Froiz, High Level G. Tormo, Lasal Cocinas Louriña, Retelec Ambilamp, Oiense Escuela Estévez e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións de Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela León e Asturias.

Nesta edición a Volta ten como sedes A Pobra de Brollón, en Lugo, onde comeza cunha contrarreloxo, A Pobra de Trives, en Ourense, e a cidade de Pontevedra. Entre as localidades que visitará nos percorridos das distintas etapas figuran Bóveda, O Incio, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Soutomaior e Marín.

Diego Calvo destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fóndo Ézaro ou O Gran Camiño. Nesta liña incidiu no labor desenvolvido pola Federación Galega de Ciclismo para a organización dunha nova edición desta competición das categorías elite e sub-23 consolidada no calendario nacional.

Para o vicepresidente primeiro, o esforzo de deportistas, clubs e federacións merece o máximo reforzo social e institucional. Neste eido, o Goberno galego ademais de impulsar o desenvolvemento dos distintos eventos deportivos, apoia esta modalidade deportiva a través de distintas liñas, de xeito que o investimento dos últimos anos supera os 4,2 millóns de euros.

Diego Calvo tivo tamén palabras para o ciclista homenaxeado nesta edición, Gustavo César Veloso, ao que se referiu como “un dos nosos mellores ciclistas” e que se suma a nomes como Óscar Pereiro, Gonzalo Aguiar ou Álvaro Pino. Para o vicepresidente primeiro, en Galicia podemos presumir destes grandes referentes, así como de contar entre 2006 e 2010 co equipo Xacobeo Galicia na categoría profesional ou actualmente co Team Farto BTC “un dos mellores equipos profesionais femininos e dos nosos embaixadores no mundo do deporte”.

Por outra banda, puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia, e, no caso concreto da Volta ciclista a Galicia, para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre ao longo de máis de 400 quilómetros.