Medio Rural

A Xunta pon en valor a alta calidade dos viños da denominacion de orixe Monterrei

José González lembrou que o Goberno autonómico está a implementar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia en colaboración co sector para seguir potenciándoo dentro e fóra da comunidade.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2022 08:44

A Xunta pon en valor a alta calidade dos viños da denominacion de orixe Monterrei
A Xunta pon en valor a alta calidade dos viños da denominacion de orixe Monterrei | onda cero

O conselleiro do Medio Rural, José González puxo en valor os máis altos estándares de calidade que distinguen viños como os da denominación de orixe Monterrei. Foi nunha visita á adega Ladairo, emprazada na localidade de Oímbra, onde comprobou como avanza a vendima.

O conselleiro louvou o labor desta bodega e de toda a denominación de orixe na que se enmarca, que abrangue un territorio de preto de 660 hectáreas de cultivo, cunha produción de viño cualificado que na anterior vendima superou os 6,2 millóns de quilos de uva e un valor económico estimado de máis de 21 millóns de euros. Sinalou que a Xunta está ao carón deste e dos restantes selos de calidade do viño galegos con medidas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, impulsada da man do sector.

Desde o punto de vista lexislativo, destaca a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que busca que os produtos alimentarios galegos -viños incluídos- acaden unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Uns obxectivos cos que tamén conecta a Lei de recuperación da terra agraria, que vén de cumprir un ano de vixencia poñendo en valor parcelas abandonadas ou infrautilizadas a través de actividade económica que fixe poboación no rural, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios. Esta norma está a mobilizar xa máis de 9.300 hectáreas en toda a comunidade, boa parte delas orientadas -precisamente- á produción vitivinícola.

Máis concretamente na comarca de Monterrei, cabe destacar os polígonos de Cualedro e Oímbra, os máis adiantados de toda Galicia, que conviven con outros como o de Vences, en Monterrei. Tamén as aldeas modelo de Infesta (Monterrei), Pedrosa (Riós), Carzoá (Cualedro) e O Seixo (A Gudiña), dentro das 21 declaradas en toda Galicia.

A maiores, cómpre poñer en valor as liñas de axudas habilitadas para o sector do viño como as destinadas a fomentar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que só no ano 2021 supuxeron un desembolso de 3,4 millóns de euros, dos que precisamente se beneficiou a adega Ladairo. Tamén as achegas aos consellos reguladores, para apoiar o seu decisivo labor a prol da calidade e a promoción dos viños, que supuxeron un apoio de 300.000 euros ao da denominación Monterrei, con 365 viticultores e 27 industrias adheridos.