O conselleiro do Medio Rural, José González, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez anunciaron que a Xunta estuda a recuperación do castelo de Pena Corneira, mediante a colaboración das dúas consellerías. Así, a Consellería do Medio Rural levará a cabo as primeiras actuacións para o estudo da escavación que recuperaría este castelo, que xa a realizaría posteriormente a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Neste contexto, o conselleiro do Medio Rural aproveitou a ocasión para lembrar que estes recursos patrimoniais se atopan na comarca do Ribeiro, amplamente coñecida pola calidade dos seus viños, representada na denominación de orixe homónima. Ademais, no concello de Leiro estase a implementar o polígono agroforestal de Barzamedelle, que se destinará fundamentalmente a viñedo para esta denominación e no que están a piques de culminarse os traballos de roza e posta e punto.
En concreto, este instrumento, contemplado na Lei de recuperación da terra agraria, segundo lembrou José González, mobilizará 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños, co obxectivo de devolver á produción terras en estado de infrautilización e abandono con gran potencial agrario.
Durante a visita, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou a gran riqueza patrimonial de Galicia e a importancia de conservar, preservar e poñer en valor “un dos nosos tesouros máis prezados”. Neste senso, explicou que no concello de Leiro atópase unha boa representación con bens como a Capela de San Pedro, o Mosteiro de San Clodio, a Igrexa de Santa María de Lamas ou a Igrexa de Santo Tomé de Serantes, nos que a Xunta de Galicia investiu preto de 240.000 euros nos últimos anos.