Ourense Provincia

A Xunta analiza como cubrir as vacantes nos talleres de reparación de vehículos

Elena Rivo, referiuse aos retos formativos deste eido económico ou ao novo plan para impulsar a contratación de mulleres en sectores masculinizados coma este.

Óscar Gómez

Ourense | 25.01.2024 08:09

A Xunta analiza como cubrir as vacantes nos talleres de reparación de vehículos
A Xunta analiza como cubrir as vacantes nos talleres de reparación de vehículos | onda cero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da secretaria xeral da igualdade, Sandra Vázquez, mantivo un encontro con representantes da Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense (Atave) e está a visitar varios destes negocios co gallo de analizar as medidas que está poñendo en marcha a Xunta de Galicia para dar resposta á falta de persoal en sectores coma este.

Na visita, a conselleira puxo en valor a ampla traxectoria de Atave, case 50 anos desde que en 1977 se constituíu como a primeira agrupación empresarial que naceu na provincia ourensá. Incidiu na colaboración estreita que se vén mantendo con este sector e apelou a seguir buscando solucións conxuntas para facer fronte á escaseza de man de obra.

Neste senso, o Goberno galego avoga pola formación continua e pola reciclaxe dos profesionais, con ferramentas como as microformacións que se están a impulsar en sectores en continuo cambio, co gallo de cubrir as vacantes existentes e de proporcionar as competencias que demanda o tecido produtivo.

Así mesmo, Rivo instou ao sector a non perder o tren da igualdade, que require que nun sector masculinizado coma este se incorpore a muller de xeito efectivo. Nese camiño, segundo apuntou, avánzase de xeito decidido, con iniciativas como o programa de fomento do emprendemento e do emprego feminino, que cumprirá neste 2024 xa 28 anos, e o novo plan para impulsar a formación e contratación de mulleres en sectores onde predominan os homes.

A conselleira tamén se referiu ás axudas ás persoas autónomas en marcha, incluída a partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.