Ourense Cidade

A Xunta adquire dous inmobles para rehabilitar na cidade de Ourense

A Xunta xa conta no centro histórico da capital ourensá con seis inmobles que prevé destinar a vivendas de alugueiro social.

Óscar Gómez

Ourense | 27.03.2023 08:03

A Xunta adquire dous inmobles para rehabilitar na cidade de Ourense
A Xunta adquire dous inmobles para rehabilitar na cidade de Ourense | onda cero

A Xunta acaba de adquirir por un importe total de case 370.000 euros os inmobles emprazados nos números 8 e 16 da rúa Colón, en Ourense, co obxectivo de proceder á súa rehabilitación e cualificar como de promoción pública as vivendas resultantes, que se adxudicarán en réxime de alugueiro entre as persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.

A compra insírese no chamado programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego co fin de adquirir inmobles localizados en conxuntos históricos como o de Ourense para rehabilitalos e destinalos despois a usos residenciais.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, asinou esta semana as escrituras de compravenda de ambos inmobles. En concreto, o edificio adquirido na rúa Colón 16 tivo un custo de 230.987,40 euros e está composto por baixo e dous andares, cunha superficie en planta de máis de 104 metros cadrados, ao que se suma un patio traseiro que supera os 58 metros cadrados.

Polo que respecta ao inmoble localizado no número 8 da mesma rúa, foi adquirido polo organismo autonómico por un importe de 136.641,04 euros. Dispón de baixo e catro plantas, cunha superficie en planta de 100 metros cadrados.

O IGVS xa é propietario doutros 4 inmobles no conxunto histórico de Ourense, en cuxa adquisición investiu 518.375 euros. Actualmente están en redacción os proxectos de rehabilitación de 3 destes inmobles, emprazados nas rúas Pelaio 9, Manuel Sueiro 3 e Liberdade 28. Estes traballos, xunto coa dirección das obras de rehabilitación, foron adxudicados o pasado mes de outubro por un importe de 102.906,69 euros.