Ourense Cidade

A xestión económica do PP garante un orzamento de 170 millóns de euros

O PP da cidade aprobará mañá no Pleno do Concello a última incorporación de crédito que deixou lista na súa etapa como parte do Goberno da cidade

Óscar Gómez

Ourense | 22.09.2020 13:04

Ana Morenza
Ana Morenza | onda cero

O Pleno do Concello de Ourense aprobará unha nova modificación de crédito de 1,5 millóns de euros, froito do traballo desenvolvido polos populares durante o tempo no que estivo no Goberno da cidade, con importantes investimentos para a mellora do albergue de animais, subvencións de Política Social e Igualdade, investimentos na área termal (un sistema de aforro de auga potable no Muíño da Veiga e de regulación de temperatura na Burga de Canedo, claves para a súa adaptación á lexislación actual) e adquisición de vehículos para diferentes servizos municipais, como Cementerios e Termalismo.

Tal e como explicou Ana Fdez. Morenza, responsable da Concellería de Facenda ata o 8 de setembro, data na que os populares suspenderon o pacto de Goberno polas graves irregularidades das que aínda non hai explicación algunha por parte do alcalde, “esta é a 14ª modificación de crédito aprobada no que vai de mandato, por máis de 65 millóns de euros. A xestión do PP á fronte desta área permite que o Concello dispoña este ano dun Orzamento de 170 millóns de euros, o máis alto de toda a súa historia. Esto só foi posible gracias a que o PP estivo no Goberno e o sacou adiante”.

A portavoz municipal dos populares, Flora Moure, e a concelleira Eugenia Díaz tamén abundaron en que o traballo do PP como parte do Goberno da cidade “permitiu acadar esta disposición de fondos para poder acometer proxectos que tiñamos programados nas nosas respectivas áreas”.