Emprego

Rivo pon en valor os programas de emprego para mocidade no 2014

Elena Rivo anima ás mozas e mozos a aproveitar a oportunidade que lles brindará a nova bolsa de substitución de negocios para a remuda, que estreará o ano que vén a Consellería.

Óscar Gómez

Ourense | 07.11.2023 11:36

Rivo pon en valor os programas de emprego para mocidade no 2014
Rivo pon en valor os programas de emprego para mocidade no 2014 | onda cero

A mocidade é un dos públicos obxectivos das políticas de emprego que promove a Xunta de Galicia que traballa, en todo momento, na actualización dos procedementos e formacións para adaptalas ás novas tendencias no contexto laboral.

“Galicia está nun bo momento económico e o que precisa é captar e reter o talento”, indicou Rivo, quen destacou que a mocidade é quen de garantir a remuda, necesaria nunha comunidade envellecida como Galicia.

Neste sentido, a conselleira anunciou que o seu departamento creará unha bolsa de substitución de negocios co obxectivo de garantir a súa continuidade. As mozas e mozos, indicou, terán unha oportunidade neste mecanismo de remuda xeracional.

En 2024, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a desenvolver o programa Investigo, que impulsa a contratación de investigadores e tecnólogos, persoal técnico e outros profesionais en I+D+i. En 2023 favoreceu a contratación de case 300 persoas e contará cun orzamento que crece ata os 4 millóns de euros.

Mantense, por outra banda, o programa de incentivos para a contratación de mozas e mozos en prácticas ou formación a través do programa Talento 30. Trátase de facilitar un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego. Destinaranse máis de 4 millóns de euros coa idea de beneficiar 400 persoas.

Os polos de emprendemento, o impulso da economía social ou o traballo para animar ás iniciativas empresariais no eido universitario están concibidos tamén para atraer á xuventude, remarcou Rivo, quen concluíu que as novas xeracións son “o futuro de Galicia” e que a Administración galega seguirá a dotalas das oportunidades que precisan, un esforzo compartido coas institucións educativas e formativas e as empresas e agrupacións empresariais.