A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.
En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar, que concentra 92 destas actuacións.
Pola súa banda, a danza e o novo circo confirman o progresivo aumento da súa presenza nesta carteleira, con 34 e 14 funcións respectivamente, mentres que a maxia suma 8 actuacións. No relativo á música, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ten programados 23 concertos ata o vindeiro xuño.
Sete estreas galegas
Ademais, o circuíto da Xunta acollerá este semestre algunhas das agardadas novidades da temporada escénica galega, con sete estreas, dúas delas esta mesma semana: a proposta multidisciplinar Eu, fraude!, primeiro espectáculo de creación propia de Paula Pier, este venres 12 no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e Donas, de Cali Danza, o domingo 14 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
Seguiranlles, xa a partir de febreiro, as estreas doutras cinco novas montaxes, todas elas producidas co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das convocatorias de subvencións á creación escénica e á coprodución de espectáculos de danza. Así, o mes que vén Manekineko presentará Cancións amarelas, flores tristes o día 15 no Auditorio
Municipal de Vigo; Sarabela Teatro, O dragón de ouro o día 23 no Teatro Principal de Ourense, e Producións Teatrais Excéntricas, Monstros o día 24 no Fórum Metropolitano da Coruña.
Tamén na Coruña terá lugar a primeira función pública de Anoa, de Elvi Balboa, o 19 de abril no Teatro Rosalía Castro como arranque das celebracións do Día Mundial da Danza, mentres que Boiro acollerá a estrea de Desexo, o novo de Talía Teatro, o 3 de maio na Casa da Cultura Ramón Martínez López.
Carteleira da semana
A programación semestral do circuíto autonómico arranca mañá mesmo cunha función de Hasta que la muerte nos separe, da compañía madrileña Inconstantes Teatro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Ademais das devanditas estreas de Paula Pier e Cali Danza, a carteleira desta semana inclúe a representación de Crisálida, de Caramuxo Teatro, o venres 12 no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo.
O sábado 13 Contraproducións representará Apaga o candil en Muros, De Vacas levará ao Teatro Rosalía coruñés o seu Rebovina Divas Live, que repasa as mellores voces femininas do pop dos últimos tempos desde a súa ollada humorística e irreverente, e Unahoramenos Producciones chegará ao Pazo da Cultura de Narón co espectáculo Protocolo del Quebranto, que tamén poderá verse no Principal de Ourense o domingo 14.
Tamén o domingo terán lugar as primeiras funcións para público familiar do semestre na Rede Galega de Teatros e Auditorios con dous pases matinais de Que animaliño é?, de Trémola Teatro, na Sala Bahía de Foz.