Ourense Cidade

O Psoe reclama que se poñan en marcha programas de saude mental infantil

Obradoiros de lactancia materna, alimentación durante a xestación e a lactancia, o cambio de alimentación líquida a sólida, actividades acuáticas, ioga ou pilates son algúns exemplos dos ofertados en dito programa.

Óscar Gómez

Ourense | 15.11.2023 07:59

O Psoe reclama que se poñan en marcha programas de saude mental infantil
O Psoe reclama que se poñan en marcha programas de saude mental infantil | onda cero

O grupo municipal socialista reclamou que o Concello de Ourense retome o programa de saúde materno infantil que se promoveu durante todo o goberno progresista, con Marga Martín como edil da carteira, e do que se beneficiaban preto de 2.000 mulleres na cidade. Dende o goberno de Jácome trasladouse que non se tiña previsto recuperar esta iniciativa que promovía hábitos saudables, resolvía dúbidas e adestraba na prevención de conductas de risco.

As actividades que se ofertaban abranguían experiencias de aprendizaxe destinadas a explicar e adquirir comportamentos beneficiosos nuns colectivos vulnerables como son as nais e os bebés. A mellora da saúde física e emocional das mulleres embarazadas figuraba entre os obxectivos principais do programa, atendendo á premisa de que as accións que se realizan cos nenos e nenas nas súas primeiras etapas de desenvolvemento determinan o resto da súa vida.

Obradoiros de lactancia materna, alimentación durante a xestación e a lactancia, o cambio de alimentación líquida a sólida, actividades acuáticas para reducir o impacto da sobrecarga que supón o embarazo nas articulacións ou nas costas, ioga, pilates ou a reanimación cardiopulmonar en bebés eran algúns dos que se ofrecían dende a xa extinta Concellería de Saúde.

A edil socialista Cristina Cruz tamén aproveitou a xunta de área para propoñer a posta en marcha de programas de saúde mental para toda a poboación e con especial énfase para a mocidade, dada a crecente demanda nos servizos sanitarios públicos.