Ourense Provincia

O pleno de Xinzo manifesta o seu rexeitamento ao macrocomplexo eólico na Limia

O alcalde anuncia que as alegacións municipais están listas e que se convidou aos concellos de Trasmiras, Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos a se sumar.

Óscar Gómez

Ourense | 19.09.2023 08:12

O pleno de Xinzo manifesta o seu rexeitamento ao macrocomplexo eólico na Limia
O pleno de Xinzo manifesta o seu rexeitamento ao macrocomplexo eólico na Limia | onda cero

O Concello de Xinzo comprometeuse á informar á veciñanza das características e riscos do proxecto que ameaza o territorio, ao tempo que elabora alegacións contra o mesmo. Unhas alegacións que, segundo informou o alcalde, Amador Díaz (AXIL) están xa listas e ás que se convidou a sumarse aos Concellos de Trasmiras, Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos. Estes dous últimos xa mostraron a súa predisposición.

A iniciativa partiu dunha moción do BNG que hoxe defendeu o seu portavoz, Camilo Vila, subliñando os riscos que representa para a saúde e as economías das veciñas e veciños un macropolígono con aeroxeradores de 240 metros de altura. O PSdeG de Elvira Lama asumiu a proposta e convidou aos grupos de goberno (PP e AXIL) a se sumar a mesma, despois de que baixo o seu mandato, en decembro pasado, Xinzo de Limia fose o primeiro concello de Ourense en demandar unha moratoria eólica.

Stop Eólicos Xurés Celanova agradece esta toma de posición da corporación municipal de Xinzo de Limia, para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. Especialmente a Camilo Vila e Elvira Lama, que en representación do BNG e do PSdeG se teñen manifestado sen ambaxes e apoiando firmemente as demandas da plataforma.

Stop Eólicos Xurés Celanova informa de que despois do rexistro a semana pasada de 265 alegacións, nos próximos días levará a rexistro outras 350, mentres seguen abertos os puntos de recollida en Xinzo, Vilar de Santos, Bande e Celanova nos lugares dos que se informa nas nosas redes, e que este xoves está previsto instalar una mesa informativa en Celanova coincidindo coa feira semanal.