Cultura

Olga Osorio, Premio Chano Piñeiro do 28º OUFF

A directora obtén o galardón dirixido ás figuras emprendedoras do audiovisual galego cando acaba de estrear ¡Salta!, a súa primeira longametraxe de ficción.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2023 08:50

Olga Osorio, Premio Chano Piñeiro do 28º OUFF
Olga Osorio, Premio Chano Piñeiro do 28º OUFF | onda cero

Con ¡Salta!, a súa primeira longametraxe de ficción, nas carteleiras dos cinemas españois desde a pasada semana, a directora Olga Osorio (Lugo, 1972) cumpre un dos seus soños. Directora, guionista, fotógrafa, docente, xornalista, ensaísta. As facetas de Olga Osorio son múltiples e a súa paixón alcanza todas. O seu traballo tamén se ve recompensado en 2023 coa concesión do Premio Chano Piñeiro do 28º Ourense Film Festival (OUFF), que recollerá na gala inaugural do festival o próximo 29 de setembro. O Premio Chano Piñeiro do OUFF foi instituído en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego que, desde diferentes frontes, desenvolven os seus proxectos. O 28º OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.

¡Salta! estreouse o 1 de setembro nas salas de cinema; unha película rodada integramente en Galicia, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto, coa participación dos novísimos Mario Santos, Rubén Fulgencio e Irene Jiménez e os veteranos galegos Mabel Rivera e Manuel Manquiña. O filme está producido pola empresa galega Vaca Films pilotada por Enma Lustres, coa participación de RTVE e o apoio de Amazon Prime, CRTVG, Agadic-Xunta de Galicia e o programa Media. A propia Osorio é, xunto a Araceli Gonda, guionista desta historia ambientada nos anos oitenta ao redor de dous irmáns marcados pola desaparición da súa nai científica. Máis talento galego no filme: o do compositor Manuel Riveiro, autor da banda sonora. Os saltos no tempo e a idea de poder reescribir o pasado conducen unha película que contén certos elementos de ciencia ficción e moita emoción. Osorio recoñeceu en máis dunha entrevista que os seus propios fillos inspiraron esta película, que foi como unha carta escrita para eles.

O xermolo de ¡Salta! atópase na curtametraxe Einstein-Rosen, co que Osorio competiu en outubro de 2016 na sección oficial do Festival de Sitges. Foi a única muller realizadora en competición nesa edición, tanto en longas como en curtas. Este traballo foi seleccionado en máis de 250 festivais e adquirido pola prestixiosa canle Arte. Tamén en Sitges, un ano antes, estreouse a súa primeira curtametraxe de ficción reStart, co que tamén viaxou por numerosos festivais. En 2017 roda Mouras, a súa terceira curta, -con apoio de Agadic-Xunta de Galicia- que foi seleccionada para o EuroConection do recoñecido festival Clermont Ferrand e estreouse no ScreamFest de Los Ángeles en outubro de 2018. Antes de chegar á súa primeira longa de ficción, Osorio roda Tinder Time, en 2018, un curto onde hai moito humor e que se estrea ese ano no Mecal de Barcelona.

As súas facetas profesionais e artísticas asombran; non só escribe cinema, senón sobre cinema, proba diso é o seu ensaio sobre a emblemática Solaris de Andréi Tarkovski (Nau Llibres, 2014). Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Humanidades pola Universidade da Coruña, con premio extraordinario, é docente no CIFP de Imaxe e Son da mesma cidade desde o ano 2000, e durante case vinte anos exerceu como profesora asociada na universidade coruñesa. Traballou como xornalista en La Voz de Galicia, El Progreso e El Ideal Gallego; como fotógrafa expuxo en salas e galerías de toda Galicia. Agora mesmo Olga Osorio está a desenvolver o seu segundo filme coa produtora Nostromo Pictures.

O Premio Chano Piñeiro do OUFF foi instituído en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego que, desde diferentes frontes, desenvolven os seus proxectos. Outras dúas mulleres do sector recollérono antes: a produtora Beli Martínez (Filmika Galaika) recibiuno en 2021 e a directora de fotografía Lucía C. Pan na pasada edición. Será na gala inaugural do próximo 29 de setembro cando Olga Osorio recolla o terceiro Chano Piñeiro do festival de Ourense.

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.