Ourense Cidade

O novo prego do servizo de autobuses contemplará a contratación dun 20% máis de choferes

O feito de comprar os vehículos directamente, permitirá que o Concello poida asumir un gasto corrente superior e dar así servizo Premium de bus.

Óscar Gómez

Ourense | 07.11.2022 09:56

O Concello consegue unha subvención de 500.000€ para o servizo de autobuses
O Concello consegue unha subvención de 500.000€ para o servizo de autobuses | onda cero

O novo prego do servizo de autobuses urbanos de Ourense, que se licitará o próximo mes de xaneiro, contemplará a contratación dun 20% máis de choferes. Anunciouno esta mañá o goberno municipal, que explica que “o feito de comprar os vehículos directamente, permitirá que o Concello poida asumir un gasto corrente superior e dar así servizo Premium de transporte urbano en autobús”. Este incremento, avanzan, verase reflectido na última e definitiva versión do deseño de liñas.

O Concello de Ourense aforrará diñeiro ao comprar de forma directa os autobuses (que actualmente xa están pedidos e en proceso de fabricación), por catro motivos, segundo detalla o goberno local. En primeiro lugar, porque acadou unha subvención do 40% do custo dos 10 autobuses eléctricos, que son os máis caros. En segundo lugar, porque ao comprar directamente ao fabricante, o Concello afórrase a comisión comercial ou beneficio industrial da empresa concesionaria do servizo de autobús. En terceiro lugar, porque se aforra tamén os xuros bancarios (que, por outra banda, son cada vez máis caros), ao pagar os vehículos directamente e non financialos coa nova concesionaria a 10 anos (como é habitual). E, por último, o feito de pagar o prezo dos autobuses con diñeiro que o Concello tiña en caixa, permitirá que o custo destinado á concesionaria anualmente teña unha cota máis baixa (xa que desaparece a cota de amortización de vehículos), case 2 millóns €/ano menos por comisións e intereses bancarios. Un proceso similar sucede cos colectores de lixo, que tamén comprará o Concello.

O goberno local explica que este aforro servirá para dúas cousas. Por unha banda, suavizar a cota da nova concesión de autobús que se licitará en xaneiro de 2023, que coa inflación incrementarase como ocorre en toda España. Por outra para, aínda aforrando cota, contratar mellores servizos. Por iso, avanzan, asumiremos un 20% máis de choferes e máis gastos de combustible.

Esta dotación extra permitirá, por exemplo, que as 2 liñas troncais e circular proxectadas, teñan frecuencias mellores cas deseñadas inicialmente. A versión Alpha 3.0 farase pública nos próximos días. A partir de aí, avanza o goberno municipal, “pasaremos á versión de fase probas, a fase Beta”.