O delegado territorial significou a importancia destas accións que teñen por obxecto acadar as medidas necesarias que garantan a conservación do castro e permitan a súa visita e aproveitamento sociocultural. Esta actuación -declarou Gabriel Alén- “forma parte do compromiso do Goberno galego para mellorar a conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio entre a cidadanía”. “Bens arqueolóxicos como o Castro de San Vicenzo xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro”, sentenciou.
Os traballos
O delegado territorial explicou que os traballos que se están a desenvolver consisten na escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área entre os 80 e 100 m² distribuída en varias sondaxes arqueolóxicas a longo do xacemento, e que unha vez rematada a intervención deberanse tapar as sondaxes arqueolóxicas empregando un elemento separador.
A recollida de mostras serán datadas por C14, e levarase a cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Tamén se realizarán vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais conxunto e de detalle dos seus elementos máis significativos.
O Castro de San Vicenzo
O xacemento arqueolóxico de Castro de San Vicenzo localízanse nun amplo outeiro na marxe dereita do río Avia, na parroquia dos Santos Xusto e Pastor de Avión en terreos pertencentes á CMVMC de San Xusto-Avión.
O asentamento está conformado por unha serie de recintos aterrados que aproveitan a orografía do propio outeiro. Conta cun completo e potente sistema defensivo conformado por tres liñas defensivas construídas en pedra máis unha cuarta formada por un parapeto de terra. No recinto superior identificáronse unha serie de estruturas circulares realizadas en mampostería. No sector S do recinto principal localizouse sobre un bolo granítico documentouse unha combinación de 8 coviñas.
Este xacemento arqueolóxico figura protexido no catálogo do PXOM do concello de Avión e no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia. Ten ademais a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
En xaneiro do ano 2023 levouse a cabo unha intervención de roza e limpeza vexetal no que se liberou de masa forestal a totalidade da superficie ocupada. Estas circunstancias determinan a necesidade de levar a cabo unha intervención de limpeza, investigación, conservación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico en colaboración coa CMVMC de San Xusto-Avión, entidade propietaria dos terreos.