Manuel Pardo sinalou que nestas xornadas organizadas pola Consellería do Medio Rural, ademais de informar sobre as medidas de prevención e defensa contra os incendios, tamén se levan a cabo relatorios divulgativos e de autoprotección co fin de que os cativos poidan coñecer como actuar en caso de detectar un incendio forestal, e realízanse talleres formativos e prácticos con exhibicións de manobras con brigadas e autobombas.
E lembrou que este tipo de accións consistentes en charlas divulgativas e demostracións adaptadas a distintas idades, nas que levan participado preto de 700 escolares da provincia, son levadas a cabo polo persoal dos distritos forestais. Téñense desenvolto en centros educativos do Pereiro de Aguiar, Celanova, Boborás, A Rúa, A Veiga, A Gudiña, A Mezquita, Chandrexa de Queixa e en instalacións do Servizo de Prevención de Incendios tales como o aeródromo de Beariz, o Centro de Coordinación Provincial, os Centros de Coordinación de Distrito, a base de Verín-Oímbra, ou a base de helicópteros da Merca, como é neste caso.
Neste sentido, tal e como se recolle na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) aprobada esta mesma semana no Consello da Xunta, este ano continuarase co programa de divulgación para centros educativos cun mínimo de 300 charlas dirixidas especialmente aos escolares das contornas rurais.

