Deporte

Luis Menor anima a fomentar “a práctica deportiva e o valor do traballo en equipo”

O Pazo dos Deportes Paco Paz acolleu o evento no que participaron 250 rapaces e rapazas das escolas deportivas da Deputación.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2023 08:16

Luis Menor anima a fomentar “a práctica deportiva e o valor do traballo en equipo”
Luis Menor anima a fomentar “a práctica deportiva e o valor do traballo en equipo” | onda cero

As escolas deportivas da Deputación celebraron a súa tradicional Gala de Nadal 2023 no recinto do Pazo dos Deportes Paco Paz. Así, 250 rapaces e rapazas amosaron as súas destrezas nas disciplinas de fútbol sala (para cativos e maiores), básquet, tenis de mesa, psicomotricidade, ximnasia rítmica, acrobática, rítmica individual, zumba (kids e junior), artes marciais e remo indoor.

O presidente provincial, Luis Menor, valorou “a importancia do deporte base, porque poucas cousas hai máis importantes que fomentar a práctica deportiva dende idades temperás, o traballo en equipo, a obtención de valores e o desenvolvemento persoal. O Deporte é saúde, e sabémolo moi ben na Deputación”. Por iso, o presidente da Deputación agradeceulle ao persoal do Servizo de Deportes “por dar o mellor de si para seguir enchendo de Deporte e Saúde a nosa provincia ano tras ano”.

Do mesmo xeito, Menor animou aos participantes nas Escolas Deportivas a continuar practicando deporte, pois “divertídesvos, facedes bos amigos e invertides en saúde para o voso presente e o voso futuro. E crédeme que non hai nada máis importante na vida que iso, pois a práctica deportiva axuda e moito a ser felices”. E abundou o presidente provincial en que “se todo o que vos digo xa é importante, imaxinádevos que vos digo que aquí comenzaron a súa carreira deportistas que hoxe son os mellores do mundo nas súas disciplinas… E poño como exemplo a Melania Rodríguez”, campiona do mundo en doble minitramp que comezou a practicar a ximnasia precisamente nestas escolas deportivas.