Infraestructuras

A futura lei do cilco da auga ferramenta para mellorar as depuradoras municipais

Vázquez Mourelle destaca que a lei, que se está a tramitar coa máxima transparencia e participación, fixará un marco normativo para ordenar, reforzar e estender o apoio da Xunta aos concellos en materia de augas.

Sinala que o modelo, que non crea ningunha taxa nin sobe as que xa hai, estará ao servizo dos concellos que pidan que a Xunta lles axude a xestionar os servizos da auga. O abastecemento, a depuración e o saneamento son competencias dos concellos, pero a maioría das Administracións locais teñen grandes dificultades para exercer de forma axeitada esa responsabilidade.

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2021 13:19

Minidepuradoras da Deputación de Ourense
Minidepuradoras instaladas pola Deputación | Voz de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe a futura Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga como unha oportunidade para mellorar o funcionamento deficiente que presentan actualmente preto da metade das depuradoras municipais xestionadas polos concellos.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia, onde concretou que o correcto funcionamento das depuradoras contribuirá á mellora da calidade de vida dos cidadáns, do medio natural e da actividade económica.

Lembrou que o abastecemento, a depuración e o saneamento son competencias dos concellos, pero a maioría das Administracións locais teñen grandes dificultades para exercer de forma axeitada esa responsabilidade.

Neste sentido, sinalou que a lei, que se está a tramitar coa máxima transparencia e participación, ten como fin de establecer un marco normativo para ordenar, reforzar e estender o apoio que a Xunta xa vén prestando aos concellos en materia de augas.

Destacou que para responder á demanda dos concellos creouse un novo modelo de xestión dos sistemas do ciclo integral da auga caracterizado pola eficacia, a eficiencia e a corresponsabilidade entre administracións. Remarcou que a nova lei non leva aparellada a creación de ningunha taxa nin a suba das que xa hai.

Ademais, puntualizou que este modelo será voluntario e ao servizo dos concellos que pidan que Augas de Galicia lle axude a xestionar os servizos da auga.

Apuntou que a Xunta está disposta a prestar ese apoio e mesmo a incrementalo a través dun sistema que garanta a calidade dos servizos con boa xestión e coa implicación das distintas administracións, incluídas as deputacións, que deben axudar aos municipios.

Por outra parte, na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia tamén se realizou o seguimento dos traballos desenvolvidos no marco do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e do Plan de xestión de risco de inundación.

A conselleira indicou que se trata de dous instrumentos de planificación que guiaron a acción de Augas de Galicia nestes últimos 6 anos. Detallou que están rematando a súa vixencia, polo que a Xunta está a avanzar na tramitación dos plans do novo ciclo.