Pleno Concello de Ourense

Flora Moure ”Hoxe é un día importante para Ourense, co obxectivo cumprido e froito do empeño da veciñanza"

A portavoz dos populares ourensáns, Flora Moure, recalcou a inmensa importancia deste acordo, “un proxecto que Ourense non podía perder baixo ningún concepto, e que é froito do empeño da veciñanza por defender algo que é xusto e motivo de alegría para toda a cidade”.

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2022 14:02

Flora Moure ”Hoxe é un día importante para Ourense, co obxectivo cumprido e froito do empeño da veciñanza"
Flora Moure ”Hoxe é un día importante para Ourense, co obxectivo cumprido e froito do empeño da veciñanza" |

Cun total de 20 votos a favor saiu adiante a modificación puntual do PXOM para poder construir na parcela da antiga estación de autobuses unha residencia de maiores que financiará íntegramente con 12 millóns de euros a Fundación Amancio Ortega. Eran precisos 14 votos (a maioría absoluta da Corporación), que non se acadaron ata que o PSOE reconsiderou o seu posicionamento tralo acto público desta semana no que a conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou en detalle o proxecto, confirmando que as demandas veciñais estaban todas contempladas no mesmo.

No transcurso da primeira parte do debate, a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, agradeceu a vontade de chegar a acordos polo ben de proxectos tan importantes para Ourense como é a residencia de maiores.

Neste senso, a voceira dos populares, Flora Moure, recalcou ao rematar a votación que “hoxe é un día moi importante para Ourense. Finalmente, e tras esta longa loita dos últimos meses, acadamos por fin o noso obxectivo: desbloquear este asunto”. “Un proxecto, o da residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega, que Ourense non podía perder baixo ningún concepto, e que é froito do empeño da veciñanza por defender algo que é xusto e motivo de alegría para toda a cidade”.

Mais Flora Moure recalcou que “a nosa presencia no goberno municipal é fundamental para que saian os asuntos de interese para a cidade. Hoxe comprobámolo coa residencia de maiores, e sempre continuaremos a traballar polo ben de Ourense”.