Sanidade

Feijóo destaca o compromiso coa sanidade do rural

Feijóo recorda que desde 2009 lévanse construídos ou reformados en total 82 centros de saúde e investidos máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria

Óscar Gómez

Ourense | 06.04.2021 08:10

Feijóo destaca o compromiso coa sanidade do rural
Feijóo destaca o compromiso coa sanidade do rural | Onda Cero

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso coa sanidade do rural coa construción ou renovación na última década de 38 centros de saúde en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Durante unha visita ás instalacións do novo centro de saúde de Paderne de Allariz, Feijóo lembrou tamén que co obxectivo de continuar coa aposta pola atención primaria a Xunta incrementou un 108% as partidas nos orzamentos deste 2021 para este eido, ademais de garantir a construción ou renovación nesta lexislatura de 39 centros de saúde máis, dos cales 9 xa están executados.

Segundo expuxo o titular da Xunta, a mellora da sanidade no eido rural complétase cos investimentos que se están a executar nos hospitais comarcais. Así, na provincia de Ourense destacou, no hospital de Valdeorras as obras nas consultas externas e a licitación, por un importe de 1,4 millóns de euros, da reforma do hospital de día, farmacia e cirurxía ambulatoria; e, no hospital de Verín, referiuse ao proxecto de reforma das urxencias, cun investimento de 2,4 millóns. “E neste mesmo mes de abril presentaremos un novo edificio do Hospital Universitario de Ourense para seguir coa súa ampliación”, engadiu.

Logo de recordar que desde 2009 lévanse construído ou reformados, en total, 82 centros de saúde e investidos máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria, Feijóo incidiu en que o novo centro de Paderne de Allariz responde ao compromiso coa sanidade no rural galego.

Por último, e en relación á pandemia, o responsable do Executivo galego aseverou que, en liña co previsto pola UE para facilitar unha mobilidade segura, Galicia xa está a traballar nun certificado dixital no que cada galego poida acreditar se foi vacinado no Servizo Galego de Saúde, se pasou a enfermidade ou os test aos que foi sometido

neste tempo e os seus resultados. “Adiantámonos así ao certificado verde dixital no que está traballando a Unión Europea”, dixo, subliñando que o certificado galego estará dispoñible “xa neste mes de abril” a través das aplicacións móbiles PassCovid, E-Saúde e SergasMóbil.