O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para abordar as liñas de colaboración abertas entre ambas administracións e perfilar novas iniciativas de cooperación nos próximos meses.
O presidente do goberno provincial comprometeu a axuda da Deputación para avanzar no proxecto do velorio municipal, “unha dotación imprescindible para os nosos veciños”, sinalou o alcalde de Beariz. Ademais, o goberno provincial aportará unha achega para acometer diversas actuacións de acondicionamento e humanización do pobo de Ricovanca.
Manuel Baltar e Manuel Prado tamén pecharon o compromiso da Deputación para actuar na necrópole arqueolóxica de Garfián. “Un proxecto importante para protexer o noso patrimonio e avanzar na potenciación do turismo arqueolóxico”, sinalou o alcalde de Beariz trala reunión, agradecendo a receptividade e apoio da Deputación nestas actuacións.
A Deputación colaborará na mellora de pistas municipais de Cartelle
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro no Pazo Provincial co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, co que repasou as liñas de traballo que van marcar nos vindeiros meses a colaboración entre as administracións provincial e municipal, que estarán centradas na mellora das infraestruturas viarias, dotación de servizos e no eido medioambiental.
máxima colaboración
En concreto, a Deputación cooperará na mellora de pistas en varios núcleos do municipio, no acondicionamento das instalacións da antiga escola de Terzas e colaborará coa Asociación de Comuneros de Nogueiró no peche de fincas e na adquisición dun tractor de segunda mano.
Manuel Baltar recoñeceu o traballo de Jaime Sousa, “tanto nos seus prantexamentos e planificación ao fronte do Concello de Cartelle como na presidencia da Mancomunidade de Terras de Celanova”. O presidente da Deputación avanzou a “máxima colaboración” do goberno provincial na cooperación de “proxectos importantes, para seguir mellorando as vías de comunicación de Cartelle ou na decidida aposta común polas cuestións medioambientais e no ámbito cultural”.
Jaime Sousa agradeceu o apoio da Deputación: “Coma sempre, o presidente está aí para atender as nosas peticións. Sen a axuda do goberno provincial sería imposible poder avanzar nestes proxectos”.
Mancomunidade de Terras de Celanova
Na reunión tamén se abordaron cuestións vencelladas á Mancomunidade de Terras de Celanova, presidida por Jaime Sousa dende xaneiro de 2022. “Analizamos cuestións de seguridade e de incendios, con material imprescindible. Entre outras cousas, o presidente da Deputación garantiunos o apoio para gastos de funcionamento da entidade e para a adquisición dun camión escaleira para os bombeiros, que proxectamos adquirir coa colaboración da Xunta de Galicia”, sinalou Sousa.