Ourense Cidade

O Concello votará no pleno unha modificación de crédito para dispor de 20 millóns de euros

Poranse en marcha inmediatamente diferentes obras xa licitadas, e xa están en proceso de redacción os proxectos técnicos do conxunto das obras que conforman o Plan de Mobilidade Vertical e ao longo deste ano prevese abordar a renovación da iluminación de toda a cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 08.06.2020 09:57 (Publicado 08.06.2020 09:55)

Miguel Caride
Miguel Caride | onda cero

A concellería de Infraestruturas do Concello de Ourense, dentro do Plan de Investimentos que deseñou para o conxunto do presente mandato, solicitou a tramitación dunha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería que espera poida ser sometida a votación no vindeiro pleno ordinario do 18 de xuño, para abordar unha primeira fase de obras no período 2020-2021. Nesta primeira fase contémplanse un total de 37 intervencións por un montante total de 16.946.374,70 €, dos cales 15.157.316,45 € son destinados a 29 obras de infraestrutura pública, 1.474.402,98 € a seis obras de abastecemento e saneamento de auga -e outras obras hidráulicas-, 215.779,25 € a dous proxectos de renovación de iluminación pública, e 98.876,02 € para pago de expropiacións.

Á marxe destas obras, actualmente atópase en trámite o expediente para a licitación pública do contrato de Mantemento e conservación das vías públicas da cidade de Ourense, que terá unha duración de dous anos prorrogables, con previsión de iniciarse o 1 de setembro de 2020 e finalización, salvo prórroga, o 31 de agosto de 2022. Este plan contará con 450.000 € para este ano, 1.332.000 € para 2021 e 882.000 € até o 31 de agosto de 2022. En breve iniciarase, ademais, a licitación da reparación íntegra da rúa dos Remedios, cun custe de 92.392,73 €.

Paralelamente, e a maiores dos que figuran na relación de obras para as que se solicita a modificación de crédito, mantense a execución do plan de asfaltados da rúas da cidade, caso da rúa de Pardo de Cela, cuxo custe ascende a 236.000 €.

Así mesmo, a Concellería de Infraestruturas porá en marcha de forma inmediata os procesos para licitar a redacción de diversos proxectos de obras que pretende executar no seguinte período (2021-2022) e que inclúen a reforma integral e humanización, con reposición de servizos, das rúas Ángel Barja, Paseo Mestre Vide e Eduardo Blanco Amor, no barrio das Lagoas, así como a reforma integral e humanización da Avda. de Portugal e rúas de Doutor Fleming, Doutor Marañón e Bonhome, entre outras.

Actuacións inmediatas

Distintas obras que contaban xa con adxudicación ao remate do exercicio anterior poranse en marcha inmediatamente, destacando entre estas os acondicionamentos e melloras das rúas da Canle, xunto ao Auditorio Municipal, e da Rabaza, así como o acceso desde a OU-506 ao cemiterio de Velle.

En proceso de redacción

Actualmente atópanse en proceso de redacción os proxectos técnicos do conxunto das obras que conforman o Plan de Mobilidade Vertical que o Concello prevé comezar a executar a partir de 2021. Este plan contempla a instalación de elementos mecánicos (escaleiras, ramplas e elevadores) en distintas zona da cidade.

Tamén se traballa na posta en marcha dun plan de reparación, pintado e mantemento das pasarelas peonís, e ao longo deste ano prevese abordar o proceso de licitación do proxecto técnico para a renovación da iluminación de toda a cidade.

En paralelo, a Concellería segue traballando na elaboración de proxectos estratéxicos para a cidade.

Miguel Caride, responsable desta área, quere agradecer expresamente o inmenso traballo levado a cabo por todo o persoal, tanto técnico como administrativo, especialmente durante a fase de confinamento provocada pola pandemia da COVID-19, froito do cal hoxe temos completamente deseñado o plan de actuación para o resto do mandato, coa súa cronoloxía, a súa estrutura de financiamento e memorias e proxectos técnicos. “Isto vainos permitir comezar xa a executar todas as obras que a cidade necesita”, afirma Caride. “É moi satisfactorio traballar con xente comprometida co seu traballo e, en definitiva, coa mellora da nosa cidade”.