Concello de ourense

O Concello inicia un plan de mellora de parques urbanos da cidade

As actuacións centraranse, nesta ocasión, nos parques Miño, Barbaña, alameda do Cruceiro, alameda da Ponte, Xardín do Posío, Parque de San Lázaro e parque da A6 en Barrocás

Óscar Gómez

Ourense | 24.05.2022 08:17

O Concello inicia un plan de mellora de parques urbanos da cidade
O Concello inicia un plan de mellora de parques urbanos da cidade | onda cero

O Concello de Ourense impulsa un Plan de actuacións co fin de desenvolver melloras nos parques urbanos da cidade. As actuacións centraranse nos parques Miño, Barbaña, alameda do Cruceiro, alameda da Ponte, Xardín do Posío, Parque de San Lázaro e o parque da A6 en Barrocás.

Os traballos sumarán actuacións de reparación e substitución de mobiliario urbano

Arranca o plan coas actuacións a desenvolver no parque Miño da cidade de Ourense. O plan, explica o concelleiro Jorge Pumar, ten como obxectivo dar resposta ás necesidades destes parques de gran afluencia de usuarios da cidade e atender as demandas da veciñanza en relación aos ditos parques.

Os traballos sumarán actuacións de reparación e substitución de mobiliario urbano, de melloras na accesibilidade para os cidadáns, reparacións de equipamento, actuacións na iluminación dos espazos verdes e, se fose preciso, intervencións en fontes e no ornato dos diferentes parques. Estas actuacións completaranse con melloras nas infraestruturas verdes das instalacións: reparación e instalación de novas zonas de rego, e recuperación de zonas verdes e de arboredo.

Todos os traballos de cada parque completaranse cunha actuación integral de limpeza dos parques, con especial atención sobre as pintadas en paredes e monumentos. En conxunto, preto de 60 operarios serán mobilizados para a execución deste plan.

O concelleiro Pumar destaca que é a primeira actuación destas características que se desenvolve na cidade, unha actuación ambiciosa polos obxectivos, e complexa na organización, xa que esixe unha actuación coordinada das concesionarias de limpeza, Ecourense, de mantemento de zonas verdes, Misturas, e da empresa de xestión de auga Viaqua, ás que temos que unir os equipos municipais de mantemento da iluminación pública de parques, e os equipos de mantemento de mobiliario do Concello.

“Esta actuación da miña concellería dá resposta ás demandas da veciñanza de posta en valor e á mellora dos parques da cidade para o desfrute de todos os veciños, e ademais dá continuidade ás diferentes actuacións que estamos a desenvolver neste mandato”, afirma Pumar.

O plan ten dúas fases de actuacións, na primeira fase, executaranse as reparacións inmediatas de papeleiras, chans, bordelos, pintadas, iluminación, rozas, regos, bancos, ou posta en marcha de fontes, serán os traballos a enfrontar de maneira inmediata. A segunda fase afrontará os traballos máis complexos, que esixirán procesos de contratación e maiores custos de investimento.