Ourense Cidade

A cidade daralle a benvida ao 2023 coa Subida furtiva á Costiña de Canedo

O alcalde, Gonzalo Jácome, e o organizador, Saturnino González, presentaron a proba: unha carreira “mítica, absolutamente artesanal, improvisada e furtiva”, que constitúe un “rito iniciático” do ano novo na cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2022 13:13

A cidade daralle a benvida ao 2023 coa Subida furtiva á Costiña de Canedo
A cidade daralle a benvida ao 2023 coa Subida furtiva á Costiña de Canedo | La Voz de Galicia

A cidade de Ourense daralle a benvida ao ano 2023 cunha nova edición, a número 30, da Carreira furtiva da Subida á Costiña de Canedo. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o organizador, Saturnino González presentaron esta mañá esta actividade, que se desenvolverá o 1 do 1 á 1h PM, é dicir, o día 1 de xaneiro á unha do mediodía. A subida é unha carreira “mítica en Ourense, absolutamente artesanal, improvisada e furtiva”, explicou o alcalde, amais dun “rito iniciático” de referencia no primeiro día do ano. Será ao día seguinte doutra cita: a Carreira Popular da San Silvestre, na que colabora o Concello, que percorrerá as rúas da cidade o 31 de decembro, pola tarde, para despedir 2022.

A Subida convida a todas as persoas que o desexen a comezar o ano ascendendo unha das pendentes máis duras de Ourense, con 2 km. de subida e 1 de media subida, que poderán realizar en bicicleta, correndo ou andando, tamén acompañados de cans, se o desexan. Non é necesaria a inscrición e á chegada poderán degustar unha copa de champaña ou un chocolate. A proba, explicou González “ve a luz á saída do túnel e remata no cemiterio, como a vida das persoas”, manifestou Saturnino González, quen destaca que a carreira suma 30 edicións ininterrompidas: “Non se deixou de facer nin un ano, nin sequera pola pandemia”, aseverou.