A Cabalgata de Reis da cidade de Ourense sairá o mércores, 5 de xaneiro, ás 18:00 horas da estación da Ponte, avanzará pola Avenida das Caldas e percorrerá toda a rúa do Progreso até rematar sobre as 19.15 horas no Xardín do Posío. Esta tradicional cita do Nadal recupera este 2022 o seu tradicional formato dinámico, percorrendo a cidade, aínda que incorpora cambios no seu percorrido para adaptarse mellor ás circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presidiu esta mañá unha xuntanza de traballo co persoal das diferentes concellerías implicadas na organización do evento, coa finalidade de ultimar os preparativos da cita da tarde do 5 de xaneiro. Finalmente, non haberá a tradicional recepción na Praza Maior, e a ruta rematará no Xardín do Posío. As persoas que desexen ver o paso dos Reis e a súa comitiva poderán facelo ou ben na Avenida das Caldas ou na rúa do Progreso. Estas son as dúas rúas máis axeitadas por ser as máis anchas, onde resulta máis doado manter as distancias de seguridade requiridas pola pandemia da COVID. Neste senso, a organización incide na necesidade de que o público respecte as medidas sanitarias: o uso de máscara e a distancia de seguridade.
Previsión de horarios
As súas maxestades Os Reis Magos chegarán á cidade de Ourense no novo tren de alta velocidade ás 17:30 horas. Ás 18:00 sairán da estación para iniciar o seu percorrido pola Avenida das Caldas, chegarán sobre as 18:30 horas á rúa do Progreso, que percorrerán integramente, e prevén chegar ao Xardín do Posío ás 19:15 horas.