A Xunta culmina a execución do Pacto pola Paisaxe Ribeira Sacra co acondicionamento do Miradoiro do Alto da Picota, nos Peares, segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a esta actuación levada a cabo no concello de Carballedo, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Este novo miradoiro panorámico dos Itinerarios de Interese Paisaxístico na Ribeira Sacra ofrece aos visitantes unha vista única e privilexiada dos elementos tanto arquitectónicos como naturais da contorna.
De feito, a colocación desta estrutura metálica, que consta de dous brazos que se abren a cada lado, está perfectamente definida para permitir unha panorámica de 180 graos e, segundo dixo a conselleira, as mellores vistas da confluencia dos ríos Miño e Sil, do pobo e da presa dos Peares, da estación do tren e o característico ponte de ferro azul -considerado patrimonio industrial-, do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, dos bancais de viñas e dos catro concellos que conforman esta localidade -A Peroxa e Nogueira de Ramuín, na provincia de Ourense, e Carballedo e Pantón, na de Lugo-.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que, entre as actuacións desenvolvidas neste miradoiro, que contaron cun orzamento de 66.000 euros, destaca o acceso adaptado para vehículos. Trátase dun camiño duns 4 metros de ancho e 100 metros de largo que permite chegar a un aparcadoiro adaptado, que conta cun acceso directo á parte máis accesible da estrutura.
Plan de Acción Estratéxico para a Ribeira Sacra
Esta actuación levouse a cabo ao abeiro do Pacto pola Paisaxe Ribeira Sacra, un dos 10 proxectos que integran o Plan de Acción Estratéxico para esta zona, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e que, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico que beneficia a un total de 30 concellos.
En concreto, este Pacto pola Paisaxe supuxo un investimento de 550.000 euros no trienio 2020-2022 en diversas actuacións como a elaboración de esgrafiados e murais artísticos con motivos vinculados ao patrimonio cultural e natural da contorna en fachadas e muros públicos e privados, obras de mellora de acondicionamento en núcleos de poboación, melloras nos itinerarios paisaxísticos con valores panorámicos e campañas de comunicación e proxectos técnicos.
A maiores, a conselleira lembrou que ao longo de 2023 se completarán as actuacións do Plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra, que, cun orzamento de 133.000 euros, ten como obxectivo actuar nos espazos que, se ben non están incluídos na Área de Especial Interese Paisaxística, si figuran no ámbito declarado Ben de Interese Cultural.