Sanidad

Guillermina Agulla nomeada nova directora do distrito sanitario de Verín

A nova directora terá como obxectivo o de impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do Hospital de Verín ás necesidades presentes e futuras dos usuarios e os veciños da comarca

Óscar Gómez

Ourense | 09.01.2020 10:11 (Publicado 09.01.2020 10:09)

Guillermina Agulla nomeada nova directora do distrito sanitario de Verin
Guillermina Agulla nomeada nova directora do distrito sanitario de Verin | xunta de galicia

A doutora Guillermina Agulla Budiño é a nova Directora do Distrito Sanitario de Verín, e ven a dar a substitución ao anterior director do centro, Miguel Abad Vila, que deixou o seu posto a finais do pasado mes de decembro.

Guillermina Agulla Budiño naceu en Pontevedra, é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa formación académica comprétase cun máster en Xestión Sanitaria, pola Universidade de A Coruña, e título como Experta Universitaria en Admisión e Documentación Clínica pola Universidade Complutense de Madrid.

Na súa dilatada traxectoria profesional comezou en 1985 como inspectora na Dirección Provincial de Vigo do Instituto Social da Mariña e posteriormente desenvolveu varios postos de responsabilidade no Complexo Hospitalario de Pontevedra como Coordinadora de Admisión, no Servizo de Documentación Clínica e como responsable de consultas externas antes de dar o seu salto á sanidade da provincia de Ourense.

A doutora Agulla ocupou desde o ano 2006 moitos postos de responsabilidade na sanidade ourensá como médico do Servizo de Admisión, para asumir de seguido a Subdirección Médica do Complexo Hospitalario de Ourense, a Dirección do Hospital de Verín e posteriormente a do Hospital Comarcal de Valdeorras.

A nova Directora do Hospital de Verín terá como obxectivo o de impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do Hospital de Verín ás necesidades presentes e futuras dos usuarios e os veciños da comarca promovendo a participación social e da cidadanía, mellorando as canles de información, e potenciando o funcionamento dos consellos de saúde do distrito sanitario.

Guillermina Agulla afronta o reto de traballar por unha sanidade pública, gratuíta, integral e equitativa e porá ao servizo dos usuarios do Hospital de Verín e da súa área de influencia a súa experiencia adquirida durante tantos anos como xestora o que lle outorga un coñecemento moi próximo das necesidades dos veciños, dos pacientes e das súas familias.