Xunta de Galicia

A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero nas comunidades de veciños

Trátase de combater, entre outras cousas, a invisibilidade dunha lacra que, en moitas ocasións, ocorre na intimidade dos fogares.

Óscar Gómez

Ourense | 25.05.2022 09:30

A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero nas comunidades de veciños
A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero nas comunidades de veciños | onda cero

María Jesús Lorenzana, asinou dous convenios de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas (Coafga) e coa Asociación galega de profesionais da auditoría sociolaboral de xénero e da prevención do acoso e da violencia de xénero (Agaxen) para a detección de casos de violencia contra a muller e o acoso sexual no entorno veciñal e laboral. A Xunta de Galicia, a través deste marco de colaboración, reforzará a loita contra situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios xestionadas por administradores de fincas colexiados, e promoverá a prevención e sensibilización contra o acoso laboral en empresas e organizacións.

avanzar nunha sociedade máis xusta e igualitaria

As aportacións de todos os axentes, organizacións non gobernamentais e sociedade civil son fundamentais para o Goberno galego no artellamento de medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas, dado que a violencia de xénero é moitas veces un delito invisible que ocorre na intimidade dos fogares. Coafga e Agaxen son para a Administración autonómica entidades con voz autorizada para a divulgación de material informativo e accións formativas contra esta lacra. Lorenzana puxo en valor a relación de proximidade que as persoas administradoras de fincas teñen coas propietarias e propietarios dos inmobles e a capacidade de facerlles chegar información. Tamén a experiencia de Agaxen na prevención e loita contra o acoso e a violencia de xénero na empresa e as organizacións.

Convenio contra a violencia de xénero
Convenio contra a violencia de xénero | onda cero

No marco desta colaboración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, facilitará ás dúas entidades material informativo e de sensibilización sobre a materia. Tamén porá á súa disposición persoal especializado na prevención e loita contra a violencia de xénero para a coordinación das accións formativas que se poidan desenvolver.

Estes materiais divulgaranse entre os colexiados de Coafga a través de medios físicos, webs ou redes sociais. Agaxen, pola súa banda, aportará o seu apoio á sensibilización social en rexeitamento da violencia de xénero en todos os seus ámbitos de traballo, e coas entidades coas que colabora, con especial fincapé nas contornas laborais. A conselleira quixo subliñar a necesidade de estreitar lazos con todos os ámbitos da sociedade para avanzar nunha sociedade máis xusta e igualitaria, nunha Galicia do futuro que avance cara á violencia de xénero cero.